O Galegote Rock reunirá en Pontevedra algunhas das propostas máis chamativas do panorama musical do país

17 Abril 2023

  • The Rapants, Fillas de Cassandra, Moura, Lamontage & Pico Amperio ou Moucho forman parte dun cartel distribuído en dúas xornadas distintas, o venres 5 de maio e o sábado 6 de maio
  • Trátase dun evento que proxecta máis dunha ducia de actuacións, de estilos e xéneros diversos, e que tamén oferta un gran oco para a programación infantil e xuvenil con propostas como Pakolas ou Mamá Cabra

O Galegote Rock celebrará os seus once anos de vida por todo o alto. O festival de música promovido polo Concello de Pontevedra volverá traer até a cidade unha selección das mellores propostas actuais do país. Nomes relevantes, promesas futuras, xéneros diversos e, todo isto, coa lingua galega como base.

As datas escollidas para esta edición serán o venres, 5 de maio e o sábado, 6 de maio. A primeira funcionará como unha xornada máis relaxada —no número de actuacións — que funcionará como unha gran presentación do que estará por vir ao día seguinte; sendo a xornada do sábado un día intenso e sen parada, cheo de música en diferentes espazos, todos eles de balde.

O edil de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, sinala como os obxectivos desta proposta cultural e de ocio a idea de dar a coñecer a ampla variedade musical «que temos en galego en todo país e, neste caso en especial, en Pontevedra». «Temos novas bandas, novos estilos… A música galega está a vivir un proceso de rexeneración onde cada vez máis xente se achega a ela. Sobran exemplos nos últimos anos. Queremos promover que a lingua se transmita a novas xeracións».

Nese sentido, este ano será instalado nos Xardíns de Marescot (fronte á Facultade de Belas Artes) un escenario de carácter infantil e xuvenil, por onde pasarán bandas enfocadas a este tipo de público, con propostas como Pakolas, Mamá Cabra ou o propio concerto especial de Xeración Sónica.



«Haberá bandas saídas do Local de Música e haberá grupos que están a recibir moitísima atención polo pais adiante», indicou o edil. «Esta é unha aposta firme por programar música galega de calidade, poñendo en valor o noso idioma e axudar a que as bandas sigan a rular polo resto das salas, sigan entrando e creando un circuíto de seu, e os festivais máis grandes comecen a contar son músicos e músicas que fan cancións en galego».

PROGRAMA XI GALEGOTE ROCK 

VENRES 5 DE MAIO:

  • 20:00 h. Moucho. Soul Beer
  • 22:00 h. The Rapants + The Garlic Dust. Sala Karma

SÁBADO 6 DE MAIO:

  • 12:30 h. Catuxa Salom. Campiño de Santa María
  • 13:00 h. Pakolas. Xardíns do Doutor Marescot
  • 13:40 h. Ukestra do Medio. Avenida de Santa María
  • 17:00 h. Mamá Cabra. Xardíns do Doutor Marescot
  • 17:00 h. Lucía Aldao. Campiño de Santa María
  • 18:00 h. A Banda Senlleira de Robacallos. Avenida de Santa María
  • 19:00 h. Anxo Araújo. Campiño de Santa María
  • 19:30 h. Xeración Sónica. Xardíns do Doutor Marescot
  • 20:00 h. Lamontagne & Pico Amperio. Avenida de Santa María
  • 21:00 h. Moura. Campiño de Santa María
  • 22:00 h. Fillas de Cassandra. Avenida de Santa María
Está pasando!