O Ganapán propón receitas de cociña con marcado sabor italiano para recibir o mes de febreiro no Mercado de Abastos de Pontevedra

1 Febreiro 2023

  • O programa de lecer infantil impulsado pola Concellería de Promoción Económica oferta para esta fin de semana uns obradoiros de elaboración de flores caprese e cremosos de chocolate branco e pistacho
  • Os nenos e nenas de 4 a 10 que participen nas actividades tamén poderán confeccionar marionetas de piratas e canastras de baloncesto portátiles

O programa de lecer infantil O Ganapán recibirá esta fin de semana o mes de febreiro cunha proposta protagonizada por receitas de cociña con marcado sabor italiano.

Entre as actividades deseñadas pola Concellería de Promoción Económica para que os nenos e nenas pontevedreses de 4 a 10 anos o pasen en grande no Gastroespazo do Mercado de Abastos inclúense un taller de elaboración de orixinais flores caprese, cociñadas cos ingredientes dunha das ensaladas máis famosas do país transalpino (tomate, mozzarella e alfábega), e outro no que os rapaces poderán realizar uns auténticos manxares: uns suaves cremosos de chocolate branco con crocantes anacos de pistacho (froito seco esencial na tradición culinaria siciliana).

Como decotío, os obradoiros, que se desenvolverán tanto o sábado 4 como o domingo 5 de febreiro en horario de 11:30 a 13:30 horas, daranlle o seu espazo ás manualidades e á creatividade, cunha actividade na que os pequenos terán ocasión de confeccionar unhas marionetas de piratas, cos seus garfos, patas de pau e parches no ollo, e outra na que crearán unhas canastras portátiles coas que adestrar e practicar onde queiran.

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, lembra que “todos aqueles rapaces e rapazas que desexen asistir aos talleres deberán reservar a súa praza previamente a través do email oganapan@gmail.com, precisando no correo electrónico as posibles alerxias ou intolerancias”. “A recomendación habitual: non esquezades a friameira para levar a casa os pratos cociñados”, apunta a edil do PSOE.


Está pasando!