O Gastroespazo do Mercado de Pontevedra acollerá durante o mes de marzo a exposición ‘Mulleres en Loita’

27 Febreiro 2023

A mostra, organizada por Amnistía Internacional en colaboración coa Concellería de Igualdade, será inaugurada o xoves 2 de marzo ás 20:00 horas, e consta de cinco tótems nos que se exporán as historias de mulleres activistas que loitan e poñen as súas vidas en risco por defender os Dereitos Humanos en distintos países do mundo


Coincidindo coa conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller, o Gastroespazo do Mercado de Abastos acollerá durante un mes a exposición ‘Mulleres en Loita’ organizada polo Grupo de Acción de Amnistía Internacional Pontevedra en colaboración coa Concellería de Igualdade.

A mostra será inaugurada pola concelleira socialista Yoya Blanco o vindeiro xoves 2 de marzo ás 20:00 horas, nun acto no que participarán a voceira de Amnistía Internacional Galicia en cuestións de Xénero, Margarita González; a coordinadora do colectivo Boa Vida, Pepa Vázquez, e o voceiro de Amnistía Internacional para cuestións de Inmigración, Seny Kébé.

Estará composta de 5 tótems con seis paneis cada un (así como por 100 postais que se distribuirán entre o público asistente) nos que repasarán diversos aspectos da situación actual da muller e do seu papel como garante dos Dereitos Humanos en distintos países do mundo, xa sexa por medio do acceso á educación, a defensa dos pobos e culturas indíxenas ou a eliminación da violencia machista.

“En diferentes partes do planeta, hai mulleres que están a loitar polos nosos dereitos e que poñen as súas vidas en risco, sendo asasinadas, encadeadas, agredidas ou acusadas de malas nais, feminazis ou antipatriotas… Esta exposición é un xeito de homenaxealas e de dar a coñecer a súa loita. Agardamos que no acto inaugural poida participar unha testemuña que narre a súa propia historia”, avanza Yoya Blanco.

Poden obter máis información sobre a montaxe desta exposición no seguinte vídeo:

Está pasando!