‘Helen Keller, a muller marabilla?’ | © Grupo Chévere

Chévere regresa este xoves a Pontevedra coa obra ‘Helen Keller, a muller marabilla?’

9 Abril 2024

Dentro da programación do ciclo ‘Ponteatro’, o xoves 11 de abril ás 21:00 horas no Teatro Principal de Pontevedra, o Grupo Chévere porá en escena a obra ‘Helen Keller, a muller marabilla?’.

Despois dunha serie de obras que cuestionaron as narrativas oficiais a través de historias locais nas que se cruzan a memoria colectiva e a experiencia persoal (‘Citizen’, ‘Eurozone’, ‘Fillas Bravas’, ‘Eroski Paraíso’, ‘Curva España’, ‘N.E.V.E.R.M.O.R.E.’), este novo proxecto vai cuestionar o noso modus operandi, co fin de seguir derbordando os límites e as estratexias das prácticas de teatro documento. Afástase das historias máis u menos locais e da mirada xeracional, pero mantén o interese por narrar desde as zonas de rozamento entre a memoria colectiva e os relatos oficiais, usando a mesma metodoloxía de traballo e as tácticas de creación propias.



Todo comeza ao descubrir unha muller, totalmente descoñecida para o grupo, chamada Helen Keller, que se convirte nunha celebridade ao ser a primeira persoa xordocega en obter un título universitario (1904). Pero ao investigar vanse descubrindo outras facetas desconcertantes da súa figura que son sistematicamente ocultadas. E o máis sorpredente, nos últimos anos espállase polas redes sociais unha campaña que afirma que Helen Keller é un fake, incluíndo unha petición para eliminala da historia…

  • Idea orixinal: Chusa Pérez
  • Dirección e dramaturxia: Xron
  • Elenco: Ángela Ibáñez, Patricia de Lorenzo e Chusa Pérez
  • Duración: 80 minutos

Espectáculo en lingua de signos (LSE) e lingua falada (galego) con textos proxectados en galego.

Entradas anticipadas á venda dende 8 euros en Ataquilla.com. De non esgotarse anticipadamente, as entradas estarán á venda unha hora antes na billeteira do Principal.


Está pasando!