O grupo de rock Radio Zapa! presenta o próximo sábado, 4 de xuño, o seu novo traballo na Cervecería LaBeltane de Lalín

2 Xuño 2022

  • Tras dous anos de parón por mor da pandemia o grupo compostelán renace con máis intensidade e en galego

O sábado 4 de xuño a Cervecería LaBeltane acollerá a pre estrea do último traballo de Radio Zapa! Coa saída ao mercado de ‘Demasiado…’, un exercicio de rock psicodélico con letras incisivas, fuzz e intensas atmosferas instrumentais, o trio compostelán amosou que está en moi boa forma e que teñen moito que dicir no panorama musical galego.

Tras dous anos de silencio por mor da pandemia chega ‘Demasiado…’ un traballo pensado e creado para amantes da música que so se comercializa en formato vinilo. Ambientes densos e psicodélicos que xogan a ignorar á industria, o comercio musical e a lóxica posapocalíptica.

Radio Zapa! é un powertrio de rock psicodélico de Compostela. Un estalido de letras incisivas, fuzz e intensas atmosferas instrumentais formado por Martín Zapata (guitarra e voz), Suso Pereiro (baixo e coros) e Fran Facal (batería e coros).

As entradas poderán mercarse o mesmo día do concerto na billeteira por 5 euros.



Radio Zapa! é formado orixinalmente por Martín Zapata, Fran Facal e Jacobo García a finais de 2015 na procura de sons densos que vaian desde o rock dos 70 ata o stoner actual.

Na súa primeira gravación, ‘Igual es diferente’ (2017), denuncian a contaminación do mercantilismo no cotián, o amor e a arte, mostrando unha reacción contra o esmagador poder do falso e aparente, en cinco exercicios de furia que dan forma ao E. P. de presentación.

Ao longo de 2017 lánzanse a tocar e a presentar o seu traballo nunha serie de concertos cargados de enerxía e densidade facendo diso un trazo significativo da súa posta en escena. No verán dese ano resultan vencedores do concurso Sons Mans do Festival Revenidas o cal veu supoñer un pequeno empurrón para o proxecto que xa comezaba a acumular datas entre os locais de concertos de toda Galicia.

En 2018 presentan un maxi single ‘El Hit – La Cantinela’, no que a banda amplía o seu horizonte sonoro combinando riffs pesados e contundentes propios do stoner, estilo no que profundan cada vez máis e encadean un bo verán de datas en festivais e ciclos musicais.

No ano 2019, xusto antes do parón pandémico, incorpórase á banda Suso Pereiro e comezan a compoñer e rexistrar o que veu a ser o seu novo disco ‘Demasiado…’ (2022). Gravado en Pouland Studios por Iago Pico e editado únicamente en formato vinilo polo selo nacional Requesound Records, o novo LP da banda supón unha consolidacíon do que ata o de agora só foran coqueteos coa psicodelia e un importante paso adiante para o proxecto.

Está pasando!