‘Entrega en man’ | © Diego Seixo

O humor mordaz e corrosivo de Martin McDonagh chega ao Auditorio coa ‘Entrega en man’ de Cándido Pazó

22 Maio 2024

O teatro regresa esta fin de semana á axenda cultural de Vilagarcía e faino cunha comedia do famoso dramaturgo Martin McDonagh dirixida para a ocasión polo director teatral galego Cándido Pazó e representada pola compañía Contraproducións.

Trátase de “Entrega en man”, unha obra tola e denegrida na que, a base dun humor mordaz e corrosivo, zumega os temas do racismo, o machismo e a xenofobia. O espectáculo, protagonizada por Evaristo Calvo, Santi Romay, María Roja e Diego Sales, terá lugar o sábado, 25 de maio, no Auditorio Municipal a partir das 20.00 horas.



As entradas para esta representación pódense adquirir anticipadamente a través de Ataquilla.com (máis custes de xestión) e, de non esgotarse antes, o día da función a partir das 18:00 horas no Auditorio. A entrada xeral custa 5 euros e a bonificada para titulares do carné xove, persoas maiores e desempregadas, 3 euros.

Sinopse:

Na cotrosa habitación dun cutre hotel dunha pequena e anónima vila americana, un home maduro e excéntrico ofrece unha recompensa por recuperar a man que, nun acto de cruel e gratuíta violencia, lle cortaron 27 anos atrás e que, dende aquela, leva buscando sen descanso. Un xove negro e a súa fermosa e branca moza pretenden enganalo ofrecéndolle unha man que, loxicamente, non é a súa. O estraño recepcionista do hotel entremétese e pon en risco a insólita transacción.

Con esta representación a Concellería de Cultura de Vilagarcía pecha a programación da Rede Galega de Teatros para o primeiro semestre do ano.

Está pasando!