O actor Pepo Suevos | © Pepo Suevos

O humorista Pepo Suevos será o pregoeiro da Festa do Lacón con Grelos de Cuntis

6 Febreiro 2024

Cuntis prepárase para recibir unha nova edición da Festa do Lacón con Grelos na que Pepo Suevos será o encargado do pregón


O actor e cómico ferrolán José López-Suevos, máis coñecido como Pepo Suevos será o día 3 de marzo o encargado de dar o pregón da XXV edición da Festa do Lacón con Grelos de Cuntis. Isto será a partir das doce da mañá na Praza da Constitución de Cuntis.

Pepo iniciou a súa traxectoria artística como contacontos e desde entón participou nunha vintena de películas con papeis secundarios, empezando en “Entre bateas” de Jorge Coira no ano 2002, así como como con personaxes fixos e outros episódicos na maior parte das series máis coñecidas da canle autonómica galega de televisión, como “Rías Baixas”, “Terra de Miranda”, “As leis de Celavella”, “Pai Casares”, “Matalobos”, “Mareas vivas”, “Pratos combinados”, “Libro de familia” e “Pepe O inglés”, entre outras moitas, así como noutras canles privadas de ámbito nacional como “Morra o conto”, “Hospital Central” e “Fariña”, así como en programas de televisión como “O show dos Tonechos” e “Luar”.



A artista cuntiense Tere Fernández Pena foi esta vez a encargada do deseño do cartaz da XXV Festa do Lacón con Grelos, para iso, inspirouse na famosa estatua da liberdade de Nova York a cal se converte esta vez nun canto a liberdade de papatoria como nos contou a artista.

Contaba Tere que este ano a festa retrasouse no tempo e polo tanto, quixo facer referencia a esa liberdade de “ter un día de liberdade no medio da coresma para desfrutar deste prato típico galego”.

Outras das referencias que ten o cartaz son varios símbolos da vila termal como son a Igrexa de Santa María dos Baños de Cuntis, o Hotel “La Virgen” de Termas de Cuntis ou o Castro de Castrolandín. Tampouco faltan outros dous símbolos desta festa como son a camelia e a vespa, a primeira moi sinxela de atopar e a motocicleta só para os máis observadores.

Sen dúbida, un cartaz innovador e cheo de referencias as tradicións e emblemas da vila termal que da o pistoletazo de saída a un mes cheo de actividades e festa.


Está pasando!