O II Avoa Fest convídanos a viaxar ao pasado cunha romaría dos anos 50 e unha feira de cociña tradicional

23 Maio 2022

  • A xornada festiva, impulsada pola Concellería de Promoción Económica no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro, celebrarase o sábado 28 de maio na Illa das Esculturas de 12:00 a 00:00 horas e pecharase cunha verbena
  • O evento gastronómico contará con sete postos de degustación de receitas típicas e incluirá campionatos de dominó e tute por parellas, clases para aprender a bailar ‘ajarrados’, alborada, música e animación da época e xogos tradicionais

Naceu baixo o paraugas da marca Pontevedra Capital Gastro co obxectivo de poñer en valor as receitas tradicionais das nosas avoas, cunha primeira edición que incluíu uns inesquecibles Desafío Filloa e Árbore da Memoria, e regresa neste 2022 disposto a superarse cunha proposta que nos fará viaxar ao pasado. O II Avoa Fest, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, pechará maio cunha romaría dos anos 50 na que, ademais dunha morea de postos de degustación de cociña tradicional, haberá alborada, música e animación da época, campionatos de dominó e tute por parellas, un curso para aprender a bailar ‘ajarrados’, xogos tradicionais e, por suposto, unha verbena á noitiña.

Unha nostálxica programación que se desenvolverá na xornada do sábado 28 de maio, entre as 12:00 e as 00:00 horas, no privilexiado escenario natural da Illa das Esculturas. “Un día enteiro de festa, de romaría, da mañá á noite, desas que se celebraban antes e que tamén forman parte do noso acervo cultural e etnográfico. Convidamos a tódolos pontevedreses e pontevedresas a vestir de época, dos anos 50, e a viaxar ao pasado para desfrutar do Avoa Fest”, explicou no Concello de Pontevedra a edil de Promoción Económica, Yoya Blanco, durante o acto de presentación do festival.

Nunha comparecencia na que a socialista estivo acompañada polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, Blanco avanzou que tanto ela como o seu compañeiro de partido, “que nos suxeriu e deixou celebrar este evento na Illa das Esculturas”, asistirán á romaría “ataviados como corresponde, ao estilo de mediados do século pasado, e con moitas gañas de pasalo en grande botando uns ‘ajarrados’ coa xente que se achegue ata alí”.

Tal e como avanzou a concelleira do PSOE, “o programa de actividades inaugurarase ás 12:00 horas coa apertura dos postos de comida e bebida que participarán na feira gastronómica de cociña tradicional, unha alborada e actuación da asociación cultural Vides Novas e o inicio dos xogos tradicionais a cargo das diferentes asociacións de veciños de Pontevedra, que estarán apoiadas polos rapaces e rapazas da agrupación deportiva HQR!”. “Os postos de cociña deste Avoa Fest -indicou Yoya Blanco- foron ofertados á hostalería e empresas de alimentación da cidade, coa finalidade de impulsar, promover e poñer en valor a cociña tradicional e o seu tratamento por parte dos hostaleiros de Pontevedra. Cada establecemento participante disporá dun espazo con cociña e ofrecerá dúas elaboracións, unha delas como receita principal”.

A relación de postos é a seguinte:

  1. Casa Digna: ameixa á mariñeira
  2. A Fervella: carne ao caldeiro
  3. A Ponte do Marcón: churrasco
  4. Casa Cochón: orella
  5. El Maño: embutidos e choripán
  6. Mipa: pan e empanadas
  7. Pulpeiro de O Carballiño: pulpo á feira

Arredor das 13:00 horas terá lugar unha actuación do grupo de gaitas Os Alegres e xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, darán comezo os campionatos de dominó e tute por parellas (a inscrición poderá realizarse pola mañá na propia romaría) e os asistentes ao festival desfrutarán dun espectáculo de animación musical no que poderán escoitar ‘O que escoitaban as avoas e os avós’. “A partir de media tarde, o Avoa Fest animará aos presentes a mover o esqueleto, primeiro co curso para aprender a bailar ‘ajarrados’, e chegada a noitiña, desde ás 22:00 horas, con algo tan galego como unha verbena que se prolongará ata medianoite e que lle porá a guinda a esta romaría dos anos 50”, asegurou Yoya Blanco.

Iván Puentes amosouse entusiasmado coa posibilidade de que a Concellería de Desenvolvemento Sostible se converta “en anfitrioa dunha magnífica idea da Concellería de Promoción Económica e de Yoya Blanco, como é a de darlle continuidade ao Avoa Fest”. Segundo apuntou, cando a súa compañeira lle dixo que este ano “o quería dedicar a esta cociña tradicional, pero coa participación dos establecementos da cidade, pareceume unha proposta magnífica e puxémonos a pensar onde a podiamos ubicar e o mellor sitio pareceunos o contorno do río Lérez, por varias cuestións: en primeiro lugar, pola vontade que temos desde o inicio do mandato de potenciar o Lérez como núcleo fundamental da cidade e eixo vertebrador desa nosa Pontevedra que queremos construír, con toda a rehabilitación das súas marxes na que estamos a traballar; e tamén porque o Lérez é o epicentro da historia romeira de Pontevedra”.

“Ao pé do Lérez, moi preto da Illa das Esculturas, celebrouse toda a vida San Benitiño. Alí temos os salóns do Lérez -engadiu o edil do PSOE-, que están vencellados histórica e culturalmente a este tipo de tradicións. A Illa das Esculturas forma parte dese contorno, que non se pode separar desta tradición romeira aos pés da cidade e do río. Ao fondo da Illa, na zona de pradeira que está pegada ao bosque, faremos esta romaría… O do baile non o vexo tan claro, porque bailar non se me dá moi ben”.


Está pasando!