Presentación da segunda edición do Lerez UP | © Concello de Pontevedra

O Lérez UP repetirá no Recinto Feiral tralo éxito da súa primeira edición situando a Pontevedra como capital dos videoxogos e cultura friqui

29 Maio 2023

Promovido pola asociación local Gaming Troop e o Concello de Pontevedra, prevé atraer a máis de 3.500 persoas entre o 26 e o 27 de agosto


O Lérez UP volverá a encher o Recinto Feiral de videoxogos e cultura friqui. Logo dunha primeira edición que superou calquera expectativa, Gaming Troop e o Concello de Pontevedra manteñen esta cita de ocio, cultura e socialización, a celebrar entre os días 26 e 27 de agosto.

O edil de Xuventude, Alberto Oubiña, lembrou que o ano pasado este evento contou coa participación de máis de 3.500 persoas para xogar, coñecer xente, participar en obradoiros e compartir experiencias. «Falamos de videoxogos, de anime, de manga, de cosplay… Esta segunda edición chega con un moi bo gusto trala primeira edición, con visitantes de todo o Estado e mesmo do país veciño, Portugal».

«Teremos de novo stands con diversas propostas culturais e artísticas, ademais, de deseñadores e deseñadoras locais», indicou Oubiña. «Queremos continuar por este camiño, queremos avanzar á hora de facer o Lérez UP un referente na Galiza respecto dos eventos deste tipo. Pontevedra está posicionándose nese sentido a través de novas propostas e novas iniciativas».

O edil valorou moi positivamente o traballo realizado pola asociación pontevedresa Gaming Troop, xa que vai moito máis alá da organización desta cita en concreto, e que cristalizou en diferentes eventos relacionados cos videoxogos e a cultura friqui ao longo dos últimos anos.

Oubiña quixo deixar claro que a cultura friqui «deostada moito tempo» e criticada desde diferentes bandas, é hoxe «unha cultura diversa, na que socializan milleiros de mozos no país a través dela», afastando calquera connotación negativa xa que ser friqui «é ser auténtico». O concelleiro comentou que o evento permitirá ser a Pontevedra un referente neste eido durante toda esa fin de semana, inclusivo e seguro.

Sonia Piñeiro, representante da asociación, adiantou que de novo haberá un torneo estatal de Super Smash Bros. Ultimate —que pode chegar a contar con 256 participantes— e que será «incríbel», ao ser un evento «creado pola comunidade para a comunidade».


lerez up

Está pasando!