O Maratón Fotográfico pola Igualdade organizado polo Concello de Vilagarcía estrea este ano o premio para categoría infantil

28 Febreiro 2023

O crecente número de nenos e nenas que ano tras ano veñen participando no Maratón Fotográfico pola Igualdade que o Concello de Vilagarcía organiza no marco dos actos conmemorativos do 8M é a razón pola que a Área de Igualdade decidiu crear unha categoría específica para este tipo de público. Así, o certame deste ano estreará o premio infantil, destinado a rapazada nada entre os anos 2010 e 2015 (de 7 a 13 anos incluídos). Na categoría de adultos poderán participar persoas afeccionadas á fotografía a partir dos 14 anos.

O Maratón Fotográfico pola Igualdade de Xénero celebrarase o sábado 4 de marzo. Trátase dunha actividade orientada a persoas afeccionadas á fotografía, polo que non poderán participar profesionais.

A Maratón Fotográfica ten como finalidade invitar á cidadanía a reflexionar sobre as desigualdades de xénero a través das imaxes que os participantes deben captar ao longo da xornada na que se celebra a proba. Para elo, a organización propón ao inicio da mesma tres temáticas a ilustrar. Preténdese que os participantes capten a través da súa creatividade esas situacións de desigualdade que aínda existen co obxectivo de facelas visibles ante a sociedade como medio para impulsar os cambios que as fagan desaparecer.

Na modalidade de adultos concederanse tres premios, un por cada unha das temáticas propostas, dotado cada un deles con 200 euros en metálico. Na categoría infantil valorarase o conxunto dos traballos presentados para ilustrar os temas e concederase un único premio consistente nunha cámara de fotos dixital deportiva.



O certame desenvolverase coas normas habituais. A saída realizarase ás 10:00 horas dende o Auditorio e os concursantes disporán de prazo ata as 19.00 horas para tomar as fotografías dentro do ámbito xeográfico de Vilagarcía. Todos os participantes deberán pasar entre as 13.30 e as 14.30 horas polo punto de control situado na sede do Gato Negro en Carril. Entre as 19.00 e as 23.59 horas deberán presentar os traballos de forma telemática, enviándoos por correo electrónico segundo se recolle nas bases que se poden consultar no taboleiro de anuncios da web http://www.vilagarcia.gal e da sede electrónica municipais http://www.sede.vilagarcia.gal

Como é tradición, o fallo do xurado darase a coñecer no acto público de inauguración da exposición de todos os traballos presentados ao Maratón Fotográfico que terá lugar o 30 de marzo e se poderá visitar no Auditorio Municipal durante todo o mes de abril. As fotografías tamén se divulgarán a través das redes sociais do Concello de Vilagarcía.

DESCARGAR BASES EN PDF

Está pasando!