O Mareantes Rugby Club animará a ponte de Tódolos Santos coa celebración do Samaín Fest

27 Outubro 2021

A evolución da pandemia da Covid-19 impediu que o Mareantes Rugby Club Pontevedra celebrase nestes dous últimos anos a tradicional festividade de San Patricio, o que se traduciu nun considerable impacto económico para un equipo que viña cubrindo boa parte do seu orzamento grazas ás achegas obtidas a través deste evento.

Agora que a situación epidemiolóxica mudou e que a emerxencia sanitaria decaeu en Galicia, o club pontevedrés decidiu aproveitar as datas de Tódolos Santos para mergullarse de cheo no Samaín Fest, un festival organizado coa colaboración da Concellería de Promoción Económica e Turismo que animará esta ponte de Difuntos coa mellor música en directo e unha irresistible e variada oferta gastronómica, na que (seguindo o estilo do St Patrick’s Day) por suposto tamén estará presente a cervexa: rubia, tostada e a clásica Guinness negra.

Un dos principais atractivos desta festa, que se desenvolverá na Praza de España entre o mércores 27 de outubro e o luns 1 de novembro, serán os concertos diarios protagonizados por grupos locais.

O orixinal cartel do festival foi elaborado polo pintor, debuxante e caricaturista Rafa Prieto.

Así, no programa deseñado para este Samaín Fest contémplanse as actuacións de Le Tissier (mércores 27), Desconcerto (xoves 28), Gran Garaje (venres 29 ás 20:00 horas), Sr Nilson (venres 29 ás 22:00 horas), Jugones (sábado 30 ás 20:00 horas), Algo Pasa con Mary (sábado 30 ás 22:00 horas), Toniscash (domingo 31 ás 20:00 horas) e Son das Tabernas (domingo 31 ás 22:00 horas).

Unha proposta de concertos que podería ampliarse o luns 1 de novembro, xornada de clausura na que a carpa pechará ás 18:00 horas e para a que se baralla a posibilidade de realizar unha sesión vermú patrocinada por Cinzano.

Está pasando!