Bejo actuará o martes 8 no Urbana Monte Porreiro 2023 | Cedida

O miradoiro de Monte Porreiro, escenario perfecto para dar cabida a melodías actuais, bailábeis e combativas

4 Agosto 2023

O ciclo ‘Urbana Monte Porreiro’ ofrecerá os concertos de Bejo, Rebeliom do Inframundo, Lamatumbá e Dakidarría, nas noites do 8 e o 9 de agosto a partir das 21:00 horas


O edil de Festas de Pontevedra, Demetrio Gómez, repasou esta mañá de venres o cartel do ciclo musical ‘Urbana Monte Porreiro’ que acollerá os concertos de Bejo, Rebeliom do Inframundo, Lamatumbá e Dakidarría, as noites do martes, 8 de agosto, e do mércores, 9 de agosto.

«Seguimos coa idea de levar os concertos e as actividades máis aló do centro da cidade. Neste caso, será a contorna do miradoiro de Monte Porreiro o espazo que repite como escenario á hora de acoller un festival de cultura urbana de primeira orde», explicou. «Son dúas xornadas con cadanseu carácter: a do martes prioriza o rap e de seguro que se monta unha boa festa; pola súa banda, na noite do mércores teremos unha noite máis para o baile e para o compromiso co país, con dous grupos referentes para a música galega».

En ambos os dous días, a música comezará ás 21:00 horas. «Cremos que este pode ser o ciclo máis festivaleiro dentro Pontevedra Verán Fest, xa que conta con bandas de primeiro nivel que actúan con frecuencia neste tipo de formato levantando auténticas paixóns», subliñou Gómez, que animou a toda a cidade de Pontevedra e os seus visitantes a seguir gozando coa programación do verán.


Está pasando!