Miguel Anxo Fernández Lores presenta a programación paralela do Mundial Multisport Pontevedra 2025 | Concello de Pontevedra

O Mundial Multisport Pontevedra traerá música e animación a través dunha programación cultural paralela de primeiro nivel

2 Xuño 2025

  • O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, vén de presentar o programa paralelo de lecer que encherá a cidade de actividades alén das probas deportivas que se disputarán durante o evento
  • Pablo Méndez Performances, Mondra, Broken Peach, Liorta, Helena Egea, Cora, Green Hot Peppers, Javier Lago, Zeltia Irevire ou La Mosca Valiente son algúns dos artistas participantes

O amplo programa de actividades paralelas do que poderán gozar as persoas que se acheguen a Pontevedra os últimos dez días de xuño en coincidencia co Multisport foi presentado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha das tendas deportivas máis senlleiras da cidade, o Miler Vintage Running Club, lugar no que precisamente terá lugar unha sesión musical o martes a partir das 18h con Arque DJ.

O alcalde amosouse moi satisfeito pola amplitude e variedade da programación «que mostra moi ben a nosa identidade e implica a parte do mundo musical da cidade neste evento que cada vez é máis interesante e máis global».

Son 25 puntos de interese entre concertos de distintos formatos, arte, e convocatorias relacionadas coa cultura LGTB como o Orgullo, a Feria Marica ou o Festival de Cinema Ambienta, no Teatro Principal. Na véspera do Orgullo, o día 27, actuará Mondra, a estrela queer da nova electrónica galega de raíz.

Un dos pratos fortes consiste na actuación do pentacampión de Tríatlon, Javier Gómez Noya, que co seu grupo Liorta pechará o ciclo, antes da actuación de Broken Peach, que despedirá o evento até a Gran Final de 2026, prevista tamén en Pontevedra.

O programa tenta xerar unha mostra do panorama musical da cidade compatíbel co ambiente festivo do evento deportivo, así como servir de apoio a este sector da industria cultural, ampliando así o abano se implicacións cos recursos de proximidade dos que dispón a cidade.

Ademais da tradicional apertura cun espectáculo de Pablo Méndez Performances tralo desfile de bandeiras do venres día 20, o programa incorpora as citas da Bienal Internacional de Arte, en especial a espectacular proxección con música que terá lugar sobre a Peregrina polo artista francés Patrick Warrener o venres, sábado e domingo da primeira fin de semana.

Tamén haberá concertos de pequeno formato con artistas locais en distintas prazas da cidade e sesións de dj nalgunhas tendas relacionadas co deporte. O programa inclúe así mesmo información sobre a Bienal de Arte, que estará presente en varios recintos culturais da capital e a feira do deporte que se instalará en Montero Ríos e na que se creará un gran ambiente cosmopolita, pois todas as persoas que participan na proba deben pasar por alí a rexistrarse.

Está pasando!