Presentación da segunda edición de ‘A Recalada’ | Concello de Soutomaior

O mundo do mar volverá a ter protagonismo en Arcade cunha nova edición de ‘A Recalada’

23 Xullo 2025

  • O 16 de agosto o Peirao de Arcade vivirá ao longo de toda a xornada a segunda edición de “A Recalada, encontro do mar”.
  • Unha cita que se consolida co obxectivo de realzar o patrimonio marítimo galego facendo fincapé na relación que ten Arcade e Soutomaior co mar.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a concelleira de Promoción económica, Rosana Comesaña e representantes da Confraría de Arcade, da Asociación de Mariscadoras de Arcade, de Culturmar e da Asociación de baile e a música tradicional galega, presentaron nesta xornada a segunda edición deste encontro do mar que se desenvolverá ao longo de toda a xornada do sábado 16 de agosto na zona do Peirao de Arcade.

A tradición mariñeira do concello de Soutomaior vén de lonxe, séculos de historia patentes a través dun xeito de vida que, aínda que algo modificado, chega ata os nosos días, e que se pode apreciar, a través da rica gastronomía da zona e da vinculación que a economía local ten co mar, xa ben sexa a través da gastronomía ou a través do desenvolvemento das artes de pesca e dos oficios do mar.

Tal e como dixo nesta xornada o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, “música, gastronomía e convivencia forman parte deste evento onde pretendemos poñer en valor o mar de Arcade, un mar que é tradición, historia e que ten un enorme potencial que debemos preservar, poñer en valor e dar a coñecer a todas as xeracións que están por vir”.

Durante a xornada do 16 de agosto haberá actividades moi variadas relacionadas co mar, o turismo sostible, as artes de pesca, a artesanía local, a gastronomía, a música popular nunha ampla programación que contará con navegacións, concertos, exposicións, animación na rúa, artesanía, exposicións, obradoiros e actividades para a cativada e para todas as idades.

Manu Lourenzo quixo agradecer “a todas as persoas que fan posible un encontro como este, onde o principal traballo é a sensibilidade e o coidado de todo o que implica o mar e todo o seu valor material e inmaterial”.

Na xornada do sábado 16 de agosto, coa ‘Recalada’, xogará un papel moi importante a colaboración de entidades como Culturmar, o Clube Náutico de Arcade, a Confraría de Arcade, a asociación de mariscadoras, a Asociación de baile e a música tradicional galega (AGG) ou a de colectivos como os de artesanía e comercio local, entre outros moitos; que un no máis colaboran neste evento tan singular impregnado da esencia coa que os galegos e as galegas contamos cando nos xuntamos para compartir e gozar do vivido e do que queda por vir.

Unha cita que contará co izado das velas, cunha feira de artesanía local, cunha zona gastro-Navy Bar, con obradoiros para as e os máis pequenos da casa, con sesión vermú a cargo de Abeleiras de Alaxán e Chispas do Lérez e co concerto a noitiña dos Carunchos e a celebración cun fin de festa cunha “Fiada” á que todas e todos están convidados.

A todo isto sumaranse visitas guiadas ás embarcacións, paseos en kaiak ou unha mostra de instrumentos tradicionais.

Para as actividades con inscrición previa, indicadas no programa, o prazo ábrese mañá, xoves 24 de xullo, a partir das 21:00h. e pechararse o 13 de agosto ás 14:00h.

As actividades con inscrición previa son a navegación e degustación a bordo do “Balardo de Santa Cruz” e os paseos en caiac.

Máis información sobre todoa a programación en soutomaior.gal e para inscricións en liña en soutomaior.gal/actividades

Está pasando!