Presentación da programación 2024 do Museo de Pontevedra | © Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra programa dez exposicións para 2024, con Kandinski, Picasso, Miró ou Castelao como protagonistas, e xornadas e actividades didácticas para todos os públicos

23 Xaneiro 2024

Rafa Domínguez: “A programación deseñada para este ano permitiranos elevar o Museo a un nivel nunca antes alcanzado”


O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, presentaron a programación da entidade para 2024. Dez proxectos expositivos mostraranse nos edificios Castelao e Sarmiento nos vindeiros meses, arrancarán en marzo cunha retrospectiva de Berta Cáccamo e unha mostra fotográfica sobre o retorno a Galicia dos restos mortais de Castelao hai 40 anos. No verán chegará a exposición central deste ano: “A era das fábulas” vinculará os fondos do Museo de Pontevedra coa colección de arte María José Jove e outras coleccións privadas, con grandes nomes da arte dos séculos XX e XXI.

Son só algunhas das citas destacadas dunha programación que inclúe tamén un calendario de xornadas e seminarios que cobre todo o ano e unha proposta de actividades didácticas e de acción cultural dirixida a todo tipo de públicos.


Presentación da programación 2024 do Museo de Pontevedra | © Museo de Pontevedra

O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, que comezou a súa intervención enxalzando “o valioso equipo de traballo do Museo”, remarcou que “a programación deseñada para este ano nos permitirá elevar o Museo a un nivel nunca antes alcanzado”. “Cada evento, exposición e actividade están meticulosamente deseñados para entreter e enriquecer as nosas vidas”, asegurou, ao tempo que subliñou que “cada elemento da programación foi elixido coa intención de estimular a curiosidade, fomentar a reflexión e alimentar o noso amor pola cultura”. Tamén destacou que se inclúen diversas perspectivas e formas artísticas co obxectivo de “abrir as portas do Museo a todas as voces, ofrecendo un espazo onde a riqueza e a complexidade do noso patrimonio se entrelazan coa modernidade cunha programación que non só celebra o noso pasado, senón que tamén abraza o presente e anticipa o futuro, porque o mellor do Museo está por chegar”.

Domínguez tamén fixo fincapé no papel do Museo de Pontevedra como “reflexo da nosa identidade” e como “testamento vivo da riqueza histórica e artística que Pontevedra atesoura e lugar de aprendizaxe e inspiración para xeracións presentes e futuras”. Deste xeito, situou o museo como “piar fundamental para o ambicioso propósito de converter Pontevedra na capital cultural por excelencia, na pedra angular que impulsará a cidade para alcanzar novas alturas no escenario cultural internacional”.

Pola súa banda, a directora do Museo, Ángeles Tilve, destacou que “o que agora presentamos é só a parte máis inmediata dunha programación coherente que abarca varios anos, porque os proxectos expositivos de certa relevancia necesitan unha maduración longa”. Tilve enumerou as liñas de traballo principais que articulan a programación, e comezou por “promover a investigación, que se coñeza mellor a colección do Museo e se poña en valor”. Salientou “a colaboración con outros museos e entidades, tanto galegas como españolas e internacionais” e a importancia de que “o Museo non sexa alleo aos temas de debate do pensamento contemporáneo, polo que revisión da historia da arte desde a perspectiva feminista ou o debate sobre as novas narrativas que deben adoptar os museos son dous exemplos de como estes temas deben estar presentes na nosa programación”.

Outro aspecto que subliñou a directora foi a aposta por “difundir as coleccións do Museo, xunto coa obra de artistas da provincia e de Galicia, e o apoio á produción de artistas novos”. Tamén lle deu moita importancia á divulgación, co obxectivo de “que o coñecemento científico que se xera no Museo chegue á sociedade” e que toda a cidadanía atope actividades axeitadas aos seus intereses.



De Berta Cáccamo a Kandinski

A programación de exposicións abre en marzo con dúas citas. Co título provisional de “Os arquivos iluminados de Berta Cáccamo”, o Museo presenta unha mostra comisariada por Juan de Nieves que traza un percorrido retrospectivo pola obra da artista viguesa falecida en 2018 e os seus vínculos cos seus rexistros de arquivo. O proxecto leva aparellada a doazón ao Museo de Pontevedra do arquivo da que fora profesora na Facultade de Belas Artes da cidade.

No mesmo mes abrirá as súas portas a mostra “Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa. Fotografías”, con Xosé Enrique Acuña como comisario. Conmemora o 40.º aniversario da chegada desde a Arxentina dos restos mortais de Castelao, artellada arredor da reportaxe fotográfica de Xan Carballa sobre ese momento histórico, un testemuño excepcional dentro da fotografía documental galega de finais do século XX.

En xuño chegará a exposición central do Museo de Pontevedra para este ano, unha exposición ambiciosa que ocupará as salas de exposicións temporais ata outubro. “A Era das Fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía” é unha exposición en tres actos que vincula a colección de arte Fundación María José Jove cos fondos do museo, á que sumarán artistas contemporáneos doutras coleccións privadas.

Trátase dun proxecto do Museo de Pontevedra, desenvolvido co asesoramento de Chus Martínez e Susana González. A mostra constará de tres partes, cos epígrafes “Acto I. Imaxinación-mar”, “Acto II. Transformación-terra” e “Acto III. Renacemento-aire”. Incluirá obras dalgúns dos artistas máis importantes dos séculos XX e XXI, como Maruja Mallo, Vasili Kandinsky, Pablo Picasso, Fernand Léger, Joan Miró, Miquel Barceló, Luis Gordillo, Louise Bourgeois, Ernesto Neto, Menchu Lamas, Jorge Barbi ou Noa e Lara Castro, entre outros.

Infiltracións na colección permanente

Outra das propostas novidosas deste ano leva como título “Infiltracións”. Trátase dun proxecto con vocación de continuidade no que cada ano dúas ou dous artistas actuais serán convidados a presentar as súas obras en diálogo coa colección permanente ou noutros espazos do Museo. Iñaki Martínez Antelo é o comisario encargado de acompañar as e os artistas nun proceso que ten por obxectivo fomentar a construción colectiva de aprendizaxes e achegarlle ao Museo distintos públicos. “Infiltracións” arranca en maio coa artista galega Mónica Alonso e en outubro tomará o relevo o colombiano Alberto Baraya.

Aínda no ámbito da arte contemporánea, no verán exhibirase “Pinturas negras”, unha mostra en colaboración coa Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo que lle dá continuidade ao proxecto “Campo de sementes 2”, que se esta a expoñer neste momento no Edificio Castelao. Esta nova entrega, comisariada por Ignacio Pérez-Jofre e Sandra MG, caracterizarase por explorar as posibilidades formais e simbólicas do negro, coa serie de Goya como referencia. As e os graduados e docentes da facultade pontevedresa presentarán obras de diferentes disciplinas con esta cor como protagonista.

En 2024 terá lugar unha nova edición de Novos Valores, o certame que busca impulsar a formación de artistas novas e novos e que este ano será reformulado na procura dun impulso.

Blanco Cicerón, Acisclo e Otero Baena

Tres exposicións comisariadas por conservadoras do Museo de Pontevedra serán as protagonistas nos últimos meses do ano, ao achegarse a tres figuras galegas moi diferentes. En “O gabinete de Ricardo Blanco Cicerón: do coleccionismo ao museo” exhibiranse pezas dun dos fondos máis importantes do Museo de Pontevedra, a Colección Blanco Cicerón. A mostra, comisariada por Erea Castro Alfonso, quere ser unha achega a unha figura por reivindicar, o coleccionista que sentou as bases da museoloxía galega. Trátase dunha mostra paralela á celebración do XVII Congreso Nacional de Numismática, que o Museo acolle en setembro.

A conservadora Beatriz de San Ildefonso será a comisaria de dúas mostras dedicadas a Acisclo Manzano e José Otero Baena. A mostra sobre Acisclo reunirá un conxunto de obras significativas da traxectoria do escultor ourensán, membro do grupo O’Volter; desde o expresionismo figurativo das súas primeiras tallas en madeira ao traballo con outros materiais, coma a cerámica. A mostra “José Otero Baena, un pintor sen pinceis”, achegarase á obra do pintor de Bueu, que substituíu o pincel pola espátula para reflectir a paisaxe da súa localidade, principalmente o mar e as escenas de pesca, distorsionadas conscientemente a través da luz e a cor.

Xornadas e seminarios

Na presentación deuse a coñecer tamén un avance parcial da programación de xornadas e seminarios, xa que parte das actividades previstas neste ámbito están pendentes de pechar datas e últimos detalles. A programación ocupa todo o ano, coma unha aposta decidida polo debate e a difusión da investigación, tanto propia coma externa. Ángeles Tilve salientou que “os fondos do Museo e o seu estudo están no centro desta programación” e que toda ela “xira arredor de seis temas transversais: a historia do Museo e das súas coleccións; Castelao; guerra, represión, migracións e exilio; a arte galega en América; a perspectiva feminista; e novas narrativas nos museos do século XXI”.

Entre as grandes citas de 2024 atópase a celebración dun simposio arredor do 150 aniversario do nacemento do arquitecto porriñés Antonio Palacios. Ademais, Pontevedra será en setembro a sede da 17.ª edición do Congreso Nacional de Numismática. A isto súmanse a 13.ª edición do Encontro de Conservación e Restauración, as Xornadas de Educación Patrimonial e a recuperación das Xornadas de Exiptoloxía, entre outras conferencias e xornadas ao longo do ano.

Tamén é salientable o conxunto de seminarios que se organizarán este ano: en febreiro, Historias de Mulleres: Arte, Canon e outras Historias da Arte; en abril, Legados de Artistas. Ferramentas para a Investigación do Museo; e en outubro, A Galería Diana de Rosita García Ascot e Bal y Gay, México, 1955-1965. Reconstrución Histórica dunha Galería de Arte do Exilio Galego e Español. Ademais, haberá dous sobre a historia e as coleccións do Museo: un de arqueoloxía e etnografía, en homenaxe a Alfredo García Alén e outro sobre relixiosidade popular, exvotos e outras ofrendas.

Didáctica e acción cultural

Por último, presentáronse as grandes liñas da programación didáctica e de acción cultural do Museo, que trata de que este teña unha oferta enriquecedora para todo tipo de públicos. Esta programación estrutúrase en cinco grandes eixos. O primeiro son os cursos para público adulto, como Tirando do Fío, sobre a historia da moda a través da arte, desde o Antigo Exipto á Revolución Francesa, que se poñerá en marcha a finais deste mes.

Os obradoiros para público infantil serán outra das liñas programáticas, cunha ampla oferta que inclúe os habituais en datas coma o Entroido, a Semana Santa, o verán, a Feira Franca e o Nadal. A programación musical inclúe citas consolidadas, coma o Ciclo de Música Antiga, e outras que se puxeron en marcha recentemente, coma o ciclo Contrapuntos, de música e exilio.

O Museo de Pontevedra conmemorará as datas sinaladas no calendario, comezando polo 8 de marzo, Día da Muller, e cunha atención especial na celebración en maio do Día Internacional dos Museos, entre outras datas. Ademais, desenvolverase unha programación didáctica ao longo de todo o ano arredor das exposicións temporais.

Está pasando!