O Museo de Pontevedra achegará unha escolma do seu patrimonio a nenas e nenos de dez municipios do Camiño Portugués

24 Marzo 2021

‘O Museo en Camiño’ é un programa didáctico itinerante que pretende achegar, a partir do mes de abril, unha escolma do patrimonio do Museo de Pontevedra a nenas e nenos de 6 a 12 anos de dez municipios polos que transcorre o Camiño Portugués.

Unha exposición no edificio Castelao, prevista para o mes de setembro, pechará esta acción que se levará a cabo en colaboración coa Xunta de Galicia, a través do Xacobeo 2021.

Unha selección de pezas representativas da colección do museo será a base sobre a que se desenvolverán unha serie de unidades didácticas nas que se traballarán por medio da expresión plástica conceptos sobre historia, arte e patrimonio. Deseñarase unha maleta contedor de obxectos que evoquen as pezas elixidas e a equipa dinamizadora desta iniciativa viaxará a Tui, Ribadelouro, Redondela, Cesantes, Arcade, Barro, Caldas de Reis, Valga, Pontecesures e Padrón para propoñer unha serie de actividades prácticas nas que se fomente a aprendizaxe por descubrimento e o debate, establecendo un vínculo positivo coa arte e a historia.

Ademais de coñecer unha representación da colección permanente deste museo, a cativada terá a oportunidade de comprender a vinculación da súa poboación coa milenaria ruta xacobea e apreciar o valor do patrimonio artístico próximo.


Está pasando!