O Museo Manuel Torres contará cunha sala adicada á riqueza arqueolóxica do Castro da Subidá

26 Setembro 2020

A vila de Marín conta cunha enorme riqueza patrimonial e arqueolóxica, que nos fai ser testemuñas dun tempo pasado que define o noso presente. Estudar, preservar e divulgar a historia do noso pobo é fundamental e por iso o Concello busca novas maneiras de achegar toda esta cultura arqueolóxica á veciñanza e aos visitantes que acoden ao noso municipio.

Froito desa inquedanza, a Concellaría de Cultura anunciou que se habilitará no Museo Manuel Torres unha sala de arqueoloxía, centrada no Castro da Subidá, o xacemento máis importante da nosa vila, para que se cre unha sinerxia entre a visita física ao propio xacemento e a visita ao casco urbano e ao espazo museístico.

As concelleiras Beatriz Rodríguez e Itziar Álvarez mantiveron esta semana unha reunión co arqueólogo Juan Castro, da empresa Anta de Moura, para perfilar como se configurará esta sala, na que se tratarán de expoñer “aqueles obxectos que apareceron no propio castro durante a excavación”.

“O obxectivo é unir cultura e arqueoloxía, creando unha rede entre os distintos puntos de atracción cultural en Marín”, asegurou Castro, que avanzou que xa se están a facer as tramitacións pertinentes co Museo de Pontevedra, que é a institución depositaria destas pezas, e coa Xunta de Galicia.

Moitas destas pezas, que se expoñerán no Museo de xeito temporal, facendo rotacións nas exposicións, correspóndense con utensilios da vida diaria propia dos habitantes do castro, aínda que tamén hai algunhas pezas singulares cuxo estudo axudará aos visitantes a comprender mellor a historia do Castro da Subidá en particular e de Marín en xeral.

Segundo adiantaron as concelleiras, incluso no futuro pode avaliarse a posibilidade de expoñer pezas doutros xacementos, para facer desta sala un espazo de divulgación e de achegamento ao mundo dos nosos antepasados.

Está pasando!