O Plan de Mobilidade Urbana Sustentable transfórmase nunha festa coa que percorrer a cidade grazas á ‘PMUS Party’

5 Outubro 2022

  • A cita festiva esta prevista para o vindeiro 8 de outubro e incluirá actividades de balde para toda a veciñanza e agasallos varios para os participantes
  • Dentro das actividades, que precisan de inscrición previa, aparecen percorridos guiados a pé, en autobús, en bicicleta… e mesmo un roteiro xogando cunha enorme pelota de 1,5 metros 

PMUS Party | © Concello de Pontevedra

O vindeiro sábado 8 de outubro, entre as 11:00 e as 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, Pontevedra celebrará a calidade de vida da que dispón cunha cita que levará por nome ‘PMUS Party’. Trátase dunha xornada que pon o foco na socialización e na mobilidade, co xogo como base e a diversión para toda a veciñanza.

O Concello habilitará puntos de información na Peregrina, onde se informará das diferentes actividades que están proxectadas, amais dos agasallos que poderán recibir todos os participantes. Cómpre sinalar que as actividades precisarán de inscrición previa a través da web https://pmus.pontevedra.gal/. Tamén poderán ser realizadas in situ nos nomeados puntos de información o día da festa.



Que actividades están previstas? 

• Espazos que contan

Pontevedra é unha vila histórica que foi mudando co tempo. Neste paseo sosegado, percorreremos as rúas que contan historias coñecendo os personaxes máis salientábeis e os cambios que experimentou o espazo público ao longo da súa historia.

  • Horario: Mañá – 11:00 h. Tarde – 19:00 h
  • Destinatarios: Persoas interesadas a partir de 16 anos
  • Duración: 90 minutos
  • Lonxitude aproximada do percorrido: 2 km
  • Número de prazas: 30

• Sube ao bus

O transporte público é un dos medios máis sostíbeis para desprazarse. Nesta actividade familiar, viaxaremos no bus nun percorrido circular pola nosa cidade para coñecer as vantaxes para o medio ambiente de empregar este tipo de transporte.

  • Horario: Mañá – 12:00 h. Tarde – 18:00 h
  • Destinatarios: Actividade familiar
  • Duración: 30 minutos
  • Saída: Praza de Galicia
  • Número de prazas: 55

• Próxima parada…

O transporte público facilítanos chegar a destinos próximos sen preocupacións e coidando o medio ambiente. Partiremos do centro para chegar ao barrio de Monte Porreiro onde nos agardan unha serie de actividades lúdicas para gozar en familia.

  • Destinatarios: Actividade familiar
  • Duración: 1,5 horas
  • Saída: 17:30 horas da Praza de Galicia
  • Regreso: 18:55 horas / 19:55 horas a Praza de Galicia / 19:30 horas a Mª Victoria Moreno
  • Número de prazas: 40

• Pedaleando en familia

O modelo urbano de Pontevedra permite as mobilidades alternativas, sendo a bicicleta un dos vehículos que se pode utilizar desde curta idade. Esta ruta pensada para compartir en familia será guiada por un axente de Policía Local e nela explicará cales son as principais normas que hai que seguir nun percorrido en bicicleta (obrigatorio uso de casco).

  • Horario: Mañá – 13:00 h
  • Destinatarios: Actividade familiar
  • Duración: 30 minutos
  • Lonxitude aproximada do percorrido: 2,8 km
  • Saída: Praza da Peregrina
  • Número de prazas: 30

• Vai en bike

As nenas e os nenos poden desprazarse en bicicleta, pois o espazo público ten características axeitadas que favorecen este tipo de mobilidade, pero é necesario coñecer as normas que regulan estes desprazamentos. Proponse unha actividade para a mocidade no que un axente da Policía Local guiará un percorrido explicando como facer unha condución segura (obrigatorio uso de casco).

  • Horario: Tarde – 18:30 h
  • Destinatarios: Mozas/os de 12 a 16 anos
  • Duración: 40 minutos
  • Saída: Praza da Peregrina
  • Lonxitude aproximada do percorrido: 5 km
  • Número de prazas: 30

• Dalle bóla

Nas rúas de Pontevedra prevalece a circulación peonil sobre outras formas de desprazamento. Isto é posible pola súa organización espacial, o que tamén favorece o xogo. Proponse unha actividade lúdica onde nenas e nenos a partir 6 anos farán un percorrido dirixido cunha pelota de 1,5 m de diámetro onde vivirán a rúa como un campo de xogo libre de perigos. Iso si, van ocupar tanto espazo coma os coches.

  • Horario: Mañá – 12:30 h. Tarde – 17:00 h
  • Destinatarios: Nenas e nenos a partir de 6 anos
  • Duración: 20 minutos
  • Saída: Praza da Peregrina
  • Lonxitude aproximada do percorrido: 1,2 km
  • Número de prazas: ilimitadas

• Mobilidade para tod@s

Unha cidade inclusiva debe favorecer as mobilidades alternativas, polo que se propón unha ruta accesíbel onde se pode participar con todo tipo de medios de transporte sen motor de combustión (bicicleta, patíns, patinete, skate, triciclo), para todas as idades e na que se facilitarán bicis adaptadas a quen o precise (brigatorio uso de casco).

  • Horario: Mañá – 11:30 h
  • Destinatarios: Público xeral a partir dos 3 anos
  • Duración: 30 minutos
  • Saída: Praza da Peregrina
  • Número de prazas: ilimitadas


O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou na presentación desta festa que é un xeito de visibilizar o Plan de Mobilidade Urbana Sustentable co que conta a cidade, «un PMUS avanzado, participado, que tivo alegacións de todo o mundo e que nos vai permitir seguir avanzando nun modelo urbano que é claramente exitoso. Levamos anos traballando por unha mobilidade sostíbel, un elemento cada máis procurado en Europa e no mundo».

«Queremos facer unha festa para visibilizar que podemos andar polas rúas a pé e non con vehículos, xogaremos nas rúas dunha cidade pensada para as persoas, para todas, e iso é o que queremos transmitir con esta xornada festiva», sinalou o rexedor.

Está pasando!