O poder do rural como protagonista na IV Feira de Emprego da Guarda

21 Outubro 2022

A feira deste 2022 terá lugar na planta baixa da Casa dos Alonso os días 3 e 4 de novembro en horario de mañá, e estará centrada nas oportunidades de emprego e emprendemento no rural.

A mensaxe que or organizadores pretenden difundir, e que estaría especialmente dirixida á mocidade, é que pensando en rural tamén se pode pensar en grande. As zonas rurais son espazos especialmente amigables para desenvolver un plan de vida, pero tamén poden ofrecer moitas oportunidades para poñer en marcha proxectos profesionais.

No evento contarán coa participación de diversos entes como o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo-A Guarda, ou o Grupo de Desenvolvemento Rural Baixo Miño que profundarán nas opcións laborais que ofrece tanto o sector do mar coma o sector agrícola.

Tamén visitará a feira Anceu Coliving que ofrece en Ponte Caldelas unha experiencia de convivencia e coworking nunha granxa restaurada, na que resulta posible vivir de maneira sostible e traballar de forma remota.

O xoves 3 pecharase a xornada coa empresa guardesa Skeirrum, que presentará o seu proxecto e ten preparada unha interesante actividade de street scape.

O día 4 realizarase a presentación dos resultados do estudo “O futuro laboral da mocidade da Guarda” a cargo da consultora Inthemove, e pecharemos a feira cunha mesa redonda na que contaremos con testemuñas de persoas que decidiron emprender ou continuar negocios familiares na Guarda, facendo así unha clara aposta pola vida no rural.

No evento participará principalmente o alumnado dos institutos da comarca, pero está aberto a todas aquelas persoas que desexen participar.

Actividade subvencionada pola Deputación de Pontevedra.


Está pasando!