O Pont-Up Store xa prepara o seu regreso para os días 24 e 25 de setembro

25 Xuño 2021

Despois de ter que adiar a súa VII edición o ano pasado por mor da evolución da pandemia da Covid-19, o Pont-Up Store, o principal evento de fomento da innovación e o emprendemento que se celebra en Pontevedra, xa quece motores para regresar con máis ilusión que nunca e varias novidades durante os días 24 e 25 de setembro.

Dado que a reubicación de datas supuxo que 8 dos 36 emprendementos seleccionados para participar en 2020 comunicasen neste período a súa imposibilidade de asistir este ano por diversos motivos (a venda ou peche do negocio, a coincidencia das datas con eventos sectoriais, motivos familiares ou datas comprometidas por expansión do negocio a outras cidades), o comité organizador decidiu abrir unha convocatoria extraordinaria especialmente dirixida a persoas emprendedoras valentes que puxeron en marcha a súa empresa en plena pandemia (entre 2019 e 2021) para cubrir esas 8 prazas.

Este novo proceso de recepción de candidaturas estará aberto entre o 28 de xuño e o 4 de xullo e, tal e como precisa a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “tamén estará aberto a todos aqueles emprendementos que xa participaron en pasadas edicións do evento e que presenten unha innovación destacable que lles permitira afrontar con éxito a situación xerada pola Covid-19”. “Agardamos que o avance da vacina nos permita presentar o programa en setembro e instalar os habituais expositores. En todo caso, xa podemos adiantar que se van celebrar aquelas actividades que non foi posible realizar o ano pasado en formato online, entre as que se inclúen as de economía social, economía circular, rastrexos, gaming, internacionalización…”, explica a concelleira do PSOE.

Blanco tamén avanza que, entre as principais novidades que trae consigo este ano o Pont-Up Store, organizado polo grupo de investigación G4 Plus (baixo a coordinación do profesor Pedro Figueroa) co patrocinio da Concellería de Promoción Económica, a Vicerreitoría da Universidade de Vigo e a Deputación Provincial, “figura un novo proxecto denominado dixital_pontup, ao que o Concello de Pontevedra destinou unha achega de 6.000 euros, que se está desenvolver e que se presentará nas propias datas do Pont-Up”. Segundo subliña a edil socialista, “tras un ano tan complicado para os emprendementos como foi 2020, estes novos tempos esixen repensar e innovar para xerar dinámicas positivas que motiven e axuden a visualizar ás novas persoas emprendedoras”, o que levou a poñer en marcha “un espazo virtual interactivo, co deseño dun aplicativo que permitirá a organización de diferentes eventos e actividades vencelladas co novo emprendemento”.

“A plataforma dixital_pontup, en fase de desenvolvemento por parte fará posible que estas accións innovadoras e emprendedoras poidan ser visitadas non só desde calquera lugar, Senón tamén en calquera momento, outorgando ademais unha maior proxección ás mesmas e un maior valor engadido aos seus patrocinadores”, apunta Yoya Blanco.

Stands virtuais e interactivos con recreación dixital en 3D

Pedro Figueroa constata que a nova plataforma permitirá, entre outras cuestións, “contar cunha programación propia durante todo o ano para a realización de foros, xuntanzas, intercambios de experiencias ou actividades sectoriais dedicadas ao novo emprendemento; a integración no aplicativo dunha zona de exposicións destinada a navegar por stands virtuais e interactivos que conterán os proxectos de emprendemento seleccionados na edición (no que se poderá visualizar unha recreación dixital en 3D da súa tenda, contactar en tempo real por medio de videochamadas ou efectuar compras); incrementar a visibilidade e difusión dos proxectos e os patrocinadores en cada evento ou actividade; aumentar o impacto do evento ou actividade explorando novas vías de difusión dixital, e integrar no aplicativo unha zona virtual para presentar os relatorios, mesas redondas e outras actividades grupais que acontezan no evento ou ben aquelas que se poderían celebrar durante todo o ano e dedicadas a sectores concretos (alimentación, tecnoloxía, cultura, lecer…).

Figueroa sinala que “este novo e innovador proxecto, que xa está totalmente definido tecnoloxicamente e en fase de desenvolvemento por parte de Xeométrica (participante na segunda edición do Pont-up Store e que na actualidade pertence ao Grupo Coterena), permitirá dispor preto das datas do Pont-Up Store físico (24-25 de setembro), da primeira edición do Pont-Up na súa versión dixital, o que fará posible, a partir da positiva experiencia destes últimos anos co Pont-Up Store, dar un salto exponencial no apoio ao novo emprendemento, propoñéndose como epicentro dixital da Comunidade crecente”. Na súa opinión, “esta ferramenta permitirá á cidade de Pontevedra e ao Campus CREA da Universidade de Vigo posicionarse como líderes na organización de eventos dixitais en xeral e nos relacionados co mundo do emprendemento en particular”.

Así pois, como asegura Yoya Blanco, “vaise poder visitar o Pont-Up desde calquera lugar, percorrer virtualmente as tendas dos emprendementos seleccionados, comunicarse con eles e facer operacións comerciais cos mesmos, tanto neste Pont-Up como en calquera evento que no futuro se organice a través desta plataforma”.

Unha asociación que recollerá o espírito destas oito edicións

Outra das principais novidades que traerá consigo este ano o Pont-Up é a constitución dun colectivo que se constituirá nos vindeiros meses, que se presentará nas datas de celebración do evento e que será bautizada como Asociación para o Emprendemento e Innovación: Pont-Up Store.

Os seus obxectivos son os de aproveitar a experiencia e os valores promovidos polo Pont-Up nestas oito edicións, garantir a continuidade da celebración anual do evento e apoiar tanto aos novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes, constituída por preto de 300 iniciativas procedentes de toda Galicia. “A asociación -apunta Figueroa- nace cun espírito de colaboración e complementariedade con outras organizacións de apoio ao emprendemento”.

Está pasando!