O Teatro Principal de Pontevedra acolle este venres a homenaxe a Voces Ceibes dentro da programación de ‘Novembro, mes da memoria’

16 Novembro 2022

O Concello e o Ateneo de Pontevedra organizan un acto no que participarán Vicente Araguas e Miro Casabella expoñendo a traxectoria de Voces Ceibes e interpretando temas do colectivo


O Teatro Principal acollerá este venres, 18 de novembro, ás 20.00 horas a homenaxe a Voces Ceibes incluída dentro da programación de ‘Novembro, mes da memoria’. Ao igual que en anos anteriores nos que se abordaron temas en relación á represión franquista como os campos de concentración, nesta ocasión a Concellaría de Memoria histórica do Concello de Pontevedra, que dirixe Xaquín Moreda centrarase na oposición ao réxime franquista a través da canción, coa homenaxe ao colectivo Voces Ceibes. O acto levará por título: ‘A nova canción galega: do folk á tendencia’.

En colaboración co Ateneo de Pontevedra e a raíz da morte de Xerardo Moscoso en México, a proposta para este venres é un acto que contará coa colaboración de Vicente Araguas (un dos membros creadores de Voces Ceibes) e Miro Casabella.

Vicente Araguas fará unha primeira parte expositiva sobre Voces Ceibes co apoio de Miro Casabella, que rematará o acto facendo un percorrido de temas de Voces Ceibes seguida dunha traxectoria máis actual do propio autor.


Está pasando!