Actuación da agrupación Vides Novas en Combarro | Concello de Poio

O programa Máis Cultura destina 16.000 euros para facilitar as actuacións de grupos locais de Poio

9 Abril 2026

  • O ano pasado o Concello de Poio financiou 120 actuacións en 50 eventos organizados por colectivos locais.
  • Natalia Sabarís explica que “este apoio do Concello de Poio é imprescindible para o desenvolvemento e promoción de todo este tecido asociativo, cultural e veciñal no noso municipio”.

O Concello de Poio aprobou as bases do programa Máis Cultura 2026, que destina 16.000 euros para apoiar aos colectivos e a difusión da cultura popular. Unhas axudas que facilitan as actuacións de grupos locais nas festas patronais e noutras actividades ou eventos organizados por colectivos ao longo do ano, como claro apoio ao tecido cultural e veciñal do municipio.

En total 28 grupos locais forman parte do catálogo do programa Máis Cultura, no que se inclúen unha ampla variedade e oferta para que as entidades e colectivos poidan organizar as súas actividades e festas ao longo de todo o ano: agrupacións folclóricas, pandereteiras, corais, música popular instrumental ou solistas, agrupacións verbena galega, teatro e clown e outros grupos, entre os que se inclúen audiovisuais, baile moderno, DJ… As aportacións económicas municipais oscilan entre os 150 euros e os 240 euros por actuación, independentemente de que os grupos teñan un caché superior.

A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, subliña que “estas axudas supoñen un apoio moi importante para os colectivos e para a difusión da cultura popular”. Así, pon en valor que durante o ano pasado un total de 50 eventos organizados por asociacións e colectivos no municipio contaron con 120 actuacións de grupos locais financiadas polo Concello de Poio: Ateneo Corredoira, Ronsel, Arela, AG Gaiteiro Villanueva, Rosa dos Ventos, asociacións veciñais de Campelo, Raxó, A Renda… recibiron colaboración directa do Concello de Poio para os eventos, festas patronais ou outras actividades que organizaron. “Este apoio do Concello de Poio é imprescindible para o desenvolvemento e promoción de todo este tecido asociativo, cultural e veciñal no noso municipio”, engade.

ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR AS ACTUACIÓNS

Publicadas xa as bases no Boletín Oficial da Provincia, poderán acollerse ao programa Máis Cultura as agrupacións e asociacións sen fins de lucro inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, así como as comisións de festas legalmente constituídas que promovan a realización de celebracións patronais ou outras actividades culturais.

Subvenciónanse ata un máximo de dúas actuacións por festa ou evento que teña unha duración de dous días, e catro actuacións no caso de que o evento ou a festa dure tres ou mais xornadas.

As solicitudes deberán presentarse cunha antelación mínima de 20 días con respecto á data da actuación, a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica do Concello de Poio.

Antes deberán poñerse en contacto cos grupos inscritos no catálogo para concretar días, coñecer as condicións e facilitarlles a actuación, tal e como se establece nas bases.

Está pasando!