Óscar Senra e Demetrio Gómez presentan o proxecto ‘Pontevedra (d)escrita’ | Concello de Pontevedra

O proxecto ‘Pontevedra (d)escrita’ chega para poñer en valor a vinculación da Boa Vila coa literatura e a creación en lingua galega

11 Xuño 2025

  • Xa está a disposición do público a web pontevedradescrita.gal elaborada por Maos Innovación Social onde é posible consultar 73 autorías, 55 obras, 19 espazos vinculados ao mundo literario e 26 itinerarios relacionados coa literatura.
  • A iniciativa, que conta cun mapa literario, inclúe o roteiro ‘Pontevedra Poética’ que terá lugar en varias quendas o sábado 21 de xuño e o venres 4 de xullo, con inscrición necesaria e aberta xa en apuntate.pontevedra.gal
  • En outono terá lugar unha nova proposta de paseo que relacionará Pontevedra, exilio e literatura.

O edil de Normalización Lingüística Demetrio Gómez presentou esta mañá acompañado de Óscar Senra de Maos Innovación Social, o proxecto ‘Pontevedra (d)escrita’. O proxecto que conta co web pontevedradescrita.gal como principal ferramenta de consulta e difusión, inclúe tamén un plano impreso e varias propostas de camiñadas pola cidade que terán lugar a partir do 21 de xuño con iscrición en apuntate.pontevedra.gal

“Unha nova ollada sobre Pontevedra que reúne a visión de moitísimas autoras e autores que escolleron Pontevedra como inspiración o lugar onde crear. ‘Pontevedra (d)escrita’ acontece nas redes, na realidade física das rúas da cidade e tamén no emocional, na nosa imaxinación e nos sentimentos que consegue espertar en nós a literatura.

Óscar Senra e Demetrio Gómez presentan o proxecto ‘Pontevedra (d)escrita’ | Concello de Pontevedra

Pretende ser un proxecto que recolla toda a creación literaria que versa sobre Pontevedra ou que se fixo na nosa cidade. Temos unha páxina web, pontevedradescrita.gal onde atopamos un mapa con percorridos, paseos en liña, biografías, obras, espazos de creación.

É un proxecto incompleto porque a literatura está viva e iso é o que pretendemos e reflectir. Queremos que aparezan as visións que noutros tempos houbo de Pontevedra e queremos que estean tamén as actuais e as que están por chegar. Atopamos a Paz Andrade ou Tamara Andrés. Son un conxunto de accións, incluído un plano impreso que serve para nos acompañar polas rúas da cidade sen ter que andar co móbil. Queremos convidar a de cubrir a cidade desde a perspectiva das autoras, autores e as súas obras e a descubrir as obras a partir da cidade”.

Pola súa banda Óscar Senra de Maos Innovación Social, un dos creadores e deseñador do proxecto quixo completar a información facilitada polo concelleiro achegando algunhas cifras: “No mapa impreso temos só 35 elementos para facelo manexable, que fan paseable a cidade desde o punto de vista literario, pero este mapa na súa versión web dispoñible en pontevedradescrita.gal, permite consultar ata 73 autorías, 55 obras – que van desde ‘A gaita gallega’ a obras máis recentes como ‘A muller xabaril’ de Fina Casalderrey – incluíndo narrativa, poesía, literatura infantil e xuvenil e banda deseñada.

Atoparemos tamén 19 espazos vinculados ao mundo literario e 26 itinerarios que se fixeron sobre a cidade, relacionados coa literatura. Son as de hoxe pero isto vai ir medrando porque a literatura por sorte, nunca para. Atopamos novos libros ou descubrimos libros antigos descoñecidos. Convidamos tamén á xente a participar e achegar a través do correo info@pontevedra obras que consideran que deben estar na web.

Para levar as rúas este proxecto, aparte do mapa e incitar á xente a utilízalo e consultar a web, imos facer dous paseos guiados que deseñamos especificamente para este proxecto. O primeiro deles é ‘Pontevedra Poética’, que acaba de abrir o prazo de inscrición en apuntate.pontevedra.gal para as 3 sesións que terán lugar o sábado 21 de xuño con quenda ás 11.00 h e ás 19.00 h. e o venres 4 de xullo ás 19.00 h. Un paseo pola cidade da man da creación poética en lingua galega.

A primeira figura a tratar será Paio Gomes de Charinho, nun paseo de hora e media de duración con nove paradas, destinado a público maior de 16 anos. Pretendemos que sexa moi divulgativo e serva para persoas que non sabe case nada da relación da literatura con Pontevedra e tamén para a xente con coñecemento, achegando datos curiosos”.

Avanzan que ao igual que a literatura, este é un proxecto vivo en constante actualización que contará logo do verán con outras propostas como un novo paseo que relacione Pontevedra, o exilio e a literatura.

Está pasando!