Presentación dos XII Premios Martín Códax da Música | Músicas ao Vivo

O público será protagonista dos XII Premios Martín Códax da Música tras o éxito de participación nas votacións da pasada edición

27 Febreiro 2025

  • Músicas ao Vivo destaca que case 4.000 persoas votaron en 2024, primeiro ano no que os premios se abriron ao público xeral
  • Do 3 ao 23 de marzo artistas e bandas galegas poderán inscribirse nas diferentes categorías; o 28 de maio, a gala de entrega en Pontevedra
  • A edición 2025 presentouse na Sala Capitol de Santiago de Compostela coa presenza das Bodegas Martín Códax, Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra e Deputación de Pontevedra

A Sala Capitol de Santiago de Compostela, un dos espazos referentes para a música ao vivo en Galicia, acolleu o mércores 26 de febreiro a presentación dos XII Premios Martín Códax da Música. Márcase dese xeito o punto de arranque dunha nova edición na que bandas e artistas poderán inscribirse nas diferentes categoría do 3 ao 23 de marzo.

Arrouparon a presentación dos premios, organizados cada ano por Músicas ao Vivo, Jorge Pallarés, director de Marketing e Comunicación das Bodegas Martín Códax, Jorge Cubela, responsable de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural e Cultura na Deputación de Pontevedra, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, e Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra.

A cidade do Lérez é a anfitrioa da gala de entrega dos 12º Premios Martín Códax da Música, que terá lugar o 28 de maio, e da que a organización, sen revelar aínda os detalles, avanzou que, gardará estreita conexión co Día das Letras Galegas 2025, dedicado ás cantareiras e a poesía oral tradicional.



A presidenta de Músicas ao Vivo, a cantante Sheila Patricia, e o vogal da directiva, Tomás Díez, explicaron no acto de presentación que bandas e artistas de Galicia teñen tres semanas, do 3 ao 23 de marzo, para inscribirse nos premios.

Nos últimos anos, máis de catrocentas candidaturas inscríbense nas quince categorías musicais que conforman os Martín Códax da Música: Pop e Indie; Rock e Punk; Blues, Funk e Soul; Metal e Heavy; Canción de Autor/a; Músicas Urbanas; Músicas do Mundo e Mestizaxe; Electrónica; Música Clásica e Contemporánea; Jazz e Músicas Improvisadas; Música Tradicional; Música Folk; Música Infantil; Orquestras, Grupos e Música de Verbena; e Bandas de Música Popular.

Nas recentes edicións foron as categorías rock e pop as que concentraron máis candidaturas; hip hop, electrónica, metal e canción de autor/a son xéneros que destacan tamén polo seu crecemento nos últmos anos. Músicas ao Vivo fixo un chamamento na presentación desta edición 2025 á comunidade musical a participar nuns galardóns cuxo obxectivo é visibilizar a diversidade creativa e estilística do país.

Desde hai tres anos ademais, a categoría extraordinaria de Artista Emerxente, é unha das máis celebradas e na que se premiou en 2022 á cantante Antía Muíño; en 2023, ao compositor e pianista Sergio de Miguel, e en 2024 á artista e compositora compostelá Gloria Pavía. Un recoñecemento para proxectar e potenciar proxectos de novos e novas artistas que, tal como explicou Sheila Patricia, ten os seguintes requerimentos: é necesario inscribirse antes nalgunha das quince categorías musicais, o proxecto non pode levar en activo máis de tres anos, non máis dun disco editado (EP ou album) co proxecto que presentan ou noutros nos que participen, e non ter premio nin ser finalista en anteriores edicións.


Presentación dos XII Premios Martín Códax da Música | Músicas ao Vivo

Ademais, os Premios Martín Códax da Música contemplan os tres galardóns Organistrum (nomeados así en referencia ao instrumento presente no Pórtico da Gloria) dirixidos a salas, festivais e proxectos de comunicación e difusión musical. Estes son, tal como sinalou a presidenta de Músicas ao Vivo, cómplices necesarios na música e parte imprescindible desa comunidade comprometida coa cultura musical galega á que os Premios Martín Códax queren dar visibilidade.

Na súa intervención Jorge Pallarés, director de Marketing das Bodegas Martín Códax, subliñou o traballo en defensa da cultura que se realiza desde a empresa vitícola con proxectos como o festival Outono Códax e o ciclo Os Xoves de Códax, polo que veñen de recibir o premio á mellor iniciativa enoturística de España. “Temos que recoñecer o agarimo especial que temos no caso dos Premios Martín Códax, polo seu carácter transversal e porque defenden todo o tecido musical galego. Animo aos programadores das institucións a que aposten pola música galega dándolle visibilidade ao talento que temos aquí”, sinalou.

Jorge Cubela, responsable de Cultura na Deputación de Pontevedra, apuntou á forza da cultura para sumar vontades. “Aqui estamos tres institucións públicas e unha empresa privada apoiando a música e a súa profesionalización”, remarcou.

O concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez, destacou o carácter da cidade do Lérez como anfitrioa de eventos culturais co obxectivo de “tirar da cultura e da música galegas, que ademais de ser unha aventura marabillosa, é unha obriga para as institucións”.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, quixo deixar unha mensaxe positiva “xa que o sector musical está a atravesar un bo momento”. Sutil fixo referencia ao impacto económico da música, á relevancia dos Premios Martín Códax da Música que cada ano mostran unha foto fixa da escena galega e louvou especialmente a implicación na acción cultural de empresas privadas como as Bodegas Martín Códax.

Está pasando!