O punto de información turística de Salvaterra de Miño, con sede no Museo da Ciencia do Viño, asina a adhesión á rede de oficinas “Info Rías Baixas”

20 Novembro 2020

O Punto de Información Turística de Salvaterra de Miño, con sede no Castelo de Dona Urraca e Museo da Ciencia do Viño, ven de asinar un acordo de adhesión á rede de oficinas de turismo “Info Rías Baixas”.

Este acordo ten como obxectivo o de proporcionar ós puntos de información turísticos e  ás oficinas de turismo da provincia de Pontevedra un servizo de atención de calidade, cunha imaxe unificada e unhas características homoxéneas de servizo de atención, mellorando o grado de satisfacción do visitante.

A fase de información adoita a ser o primeiro contacto real que se ten co destino, sendo este, polo tanto, un momento determinante na valoración dun municipio así coma na medición do grado de satisfacción do visitante. Desta fase de valoración depende lograr a fidelidade do usuario, así coma a divulgación desinteresada dos atractivos turísticos do municipio a terceiros.

Polo tanto, a disposición dun servizo público de información turística ben organizado, de fácil acceso, identificado e con boa imaxe, a través dun sistema de información en rede, resulta, así, fundamental no proceso de modernización das administracións públicas e das actuacións dirixidas directamente ós usuarios turísticos.

Traballar en rede posibilita o ofrecemento dun servizo máis completo, homoxéneo e global de destino posibilitando, ó mesmo tempo, a consecución de datos fiables para a realización dun estudio de perfil dos que visitan a provincia e así poder impulsar as promocións de destino oportunas.

A Deputación de Pontevedra consegue coa posta en marcha desta rede de traballo a execución, coordinación e impulso das accións de promoción e desenvolvemento do, cada vez máis consolidado, destino Rías Baixas.

Á súa vez, o concello de Salvaterra de Miño, adheríndose á Rede de oficinas de turismo “Info Rías Baixas”, confirma o seu compromiso coa calidade e a súa aposta pola mellora continua.

Está pasando!