O Recinto Amurallado acollerá os principais eventos enmarcados dentro do Verán Cultural de Salvaterra de Miño

3 Xullo 2023

Carlos Núñez, Verónica Codesal ou A Roda serán algúns dos artistas que actuarán durante os próximos meses.


Un dos grandes atractivos culturais do Concello de Salvaterra de Miño é o Verán Cultural non só para os seus veciños e veciñas senón para moita xente doutros concellos que se achega cada ano para desfrutar da súa programación.

Como pioneiros nesta axenda cultural que é renovada cada ano e conscientes da importancia que ten para Salvaterra de Miño, nesta edición amplíase o tempo de duración con eventos imprescindibles que comezarán o 28 de xullo e que continuarán ata o 27 de agosto.

Trátase dun gran esforzo por parte do Concello de Salvaterra de Miño para ofrecer actividades culturais tanto para maiores como para os máis pequenos.

Nesta edición, ademais dos concertos de grandes artistas e grupos como Verónica Codesal o 28 de xullo, Carlos Núñez o 29 de xullo, A Roda e Lucky Duckies o 25 de agosto, Son de Seu e Fanfarria Taquicardia o 26 de agosto e O Fiadeiro, La Sombra de Justine e La Patrulla o 27 de agosto.

Outra parte importante da programación serán eventos recoñecidos: O Mundo a Danzar o 31 de xullo, O Son da Muralla o 5 de agosto, Imos de Guateque o 12 de agosto e os días 25, 26 e 27 de agosto a Festa do Viño que serán eixe principal das actividades do Verán Cultural.

Os concertos complétanse con outras actividades nas que destacan as infantís onde os cativos teñen un papel protagonista.

Proximamente avanzaremos o programa cultural completo.


Está pasando!