Presentación da xornada ‘Moito por ler!’ | Concello de Pontevedra

O Salón do Libro acolle a xornada de mediación lectora ‘Moito por ler!’ organizada pola Fundación Xistral

11 Febreiro 2026

  • O evento servirá de punto de encontro a bibliotecarios/as, libreiros/as, divulgadores/as, clubs de lectura e diferentes iniciativas de mediación lectora.
  • Terá lugar o día 7 de marzo no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Pontevedra e precisa de inscrición previa no correo salondolibro@pontevedra.gal
  • A Fundación Xistral é a responsable da creación da web interactiva m8porler.gal, lugar de intercambio e conversa arredor do libro galego.

O concelleiro Demetrio Gómez presentou esta martes, acompañado de Cristina Juncal e Carlos Blanco da Fundación Xistral a Xornada de Mediación Lectora ‘Moito por ler!’ que terá lugar o 7 de marzo dentro do Salón do Libro.

O edil manifestou a ledicia de “presentar unha iniciativa da que nos sentimos realmente orgullosos. O Salón do libro é un microcosmos que xira arredor da literatura infantil e xuvenil e leva, como Pontevedra, máis de 25 anos dando de ler a todas as crianzas. Precisamente por iso cumpre a función de ser un espazo de mediación lectora, onde coincidir coa industria editorial, autoras, xornalistas e todo o que forma a rede social do libro galego. Esa rede social é a que atoparemos en ‘Moito por ler’.

Cremos que o Salón pode ser referente na mediación lectora e por iso imos traballar con docentes, bibliotecarias, libreiros e todas aquelas persoas que queren achegarlle os libro á rapazada. Noutros momentos houbo un congreso e agora queremos dar un paso adiante con esta iniciativa que é a xornada de mediación lectora ‘Moito por ler’ que imos desenvolver grazas á Fundación Xistral e ao seu proxecto M8PORLER: una plataforma dixital para visibilizar e dignificar o libro galego, para tecer redes entre todos os axentes que forman parte da cadea do libro. Sen eles sería imposible organizala”.

Cristina Juncal foi a responsable como presidenta de explicar como naceu a Fundación Xistral, “un proxecto creado desde o namoramento e o compromiso coa lingua e a cultura do noso país en toda a súa amplitude. O noso idioma é unha obra de arte creada polo xenio inviolable do noso pobo. Unha lingua é a matriz inesgotable de obras de arte. Somos herdeiros deste tesouro: unha lingua e unha cultura tan propia, xenuína e diferenciada como secularmente ameazada, deostada e precarizada.

A atonía institucional é o alicerce que máis empuxa á Fundación Xistral para a súa creación. Somos unha fundación sen ánimo de lucro cunha aposta pola cultura destinada a promover actividades que non dependan dun rendemento no mercado. Desde Xistral temos afondado para desenvolver un proxecto co que estamos moi ilusionados que é a plataforma M8PORLER, da que vos vai falar Carlos”.

Antes de debullar a programación da xornada de mediación lectora que terá lugar o sábado 7 de marzo dentro do Salón do Libro, Carlos Blanco explicou o funcionamento do espazo web interactivo https://m8porler.gal/. “Chegamos a conclusión de que as estatísticas din que solo un 8% dos libros que se venden en Galicia son en galego. De aí ven o nome e o xogo de palabras co oito M8PORLER, dese 8%. O portal trata de facer unha rede social para interaccionar con usuarias, autores, lectores, editoras, para que haxa unha rede na que apareza todo o que está publicado duns anos para aquí.

Cada persoa abre o seu perfil onde colga as súas listas de lectura, recomendacións. Trátase de facer comunidade do libro galego, algo que non existe e pensamos que debería existir se estivesemos gobernados por persoas con preocupación polo libro e a cultura”.

A xornada será un espazo para que convivan librarías, clubs de lectura, bibliotecas e divulgadores do libro galego nas redes, o que se chaman BookTubers, Bookstagramers o BookTokers. Un espazo no que poder falar, debater, reflexionar e tamén buscar estratexias para mellorar a presenza do libro galego, ultrapasar ese 8%.

Na primeira mesa ‘A lectura como lugar de encontro’ estarán presentes iniciativas senlleiras coma Espazo Lectura, os clubs de lectura xuvenís do IES Sánchez Cantón con Anxos Rial, o club de lectura da Lila e o traballo escolar no CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis con Susana Arins, escritora e columnista en Nós Diario e Alba Blanco, a libreira de Seijas que coordina clubs de lectura de mulleres en Pontevedra.

A segunda mesa estará centrada nas bibliotecas, baixo a frase do grande Agustín Fernández Paz ‘Onde hai una biblioteca hai una luz’. Participarán Queeruña, das bibliotecas Públicas da Coruña, María Pousa, directora das Bibliotecas Escolares de Galicia, Sofía Carou, como membro de BAMAD e da Biblioteca Municipal de Rianxo e Mar García Vendrell responsable de Bibliofogar, biblioteca itinerante da Biblioteca Soutomaio.

A terceira mesa vai de tecer redes lectoras, cunha mesa de divulgadores literarios nas redes sociais. Chamámoslle “Tecer lectura en rede(s)” coa presenza de Miguel García-Fernández (@lectureo en Instagram), Ivana Gómez (@Libroselibros), Chus G. Dorrego (A biblioteca de Chus en Facebook e Instagram), Mónica Cores (@libroscontos).

O peche estará a cargo de Manuel Bragado, un dos referentes da edición e activista da cultura, coa palestra ‘A necesidade da mediación lectora’.

“A idea é que sexa una xornada participativa, onde o publico que veña, fale tanto ou máis ca os que estean nas mesas. Teremos un momento final para o lecer e o intercambio, una regueifa literaria a cargo de O Rabelo e uns petiscos para compartir algo máis ca libros. Para rematar, unha visita guiada polo Salón, un proxecto de mediación lectora sen dúbida referente tamén no Estado”.

Está pasando!