O Salón Teatro de Lalín acolle este venres a estrea de ‘E entón, un xardín’ da compañía Paporrubio

20 Marzo 2024

Luchi Iglesias e Carlos Quintá presentan na casa unha comedia colorista e vitalista escrita e dirixida por María Peinado


A compañía Paporrubio estrea este venres, 22 de marzo, no Salón Teatro de Lalín ‘E entón, un xardín’, unha produción para público familiar de Luchi Iglesias, con música de Carlos Quintá, escrita e dirixida por María Peinado. Ás 12:00 horas haberá un dobre pase para público escolar e ás 18:00 horas unha función aberta ao público.

‘E entón un xardín’ é unha comedia colorista e vitalista asentada no teatro de marionetas, na plasticidade do teatro de obxectos e na poética da imaxe. Todo envolto nun realismo máxico que contrasta coa veracidade da estética do collage. Neste espectáculo, o xardín convértese nun lugar de celebración e reivindicación. Os vexetais e animais, vertebrados e invertebrados, microscópicos e xigantescos, son os protagonistas dunha historia estrafalaria na que a natureza esperta e loita por non perder os seus dereitos.

Unha comedia disparatada ao servizo da imaxinación das pequenas (e non tanto) para espertar valores como a empatía, a responsabilidade e o respecto: a necesidade dun latir común co mundo natural.



  • Elenco: Luchi Iglesias e Carlos Quintá
  • Deseño escenografía e personaxes: María Peinado
  • Deseño marionetas: Luchi Iglesias e Armindo Salgueiro
  • Deseño iluminación: Alberto Quintá, Fran Lareu, María Peinado
  • Espazo sonoro: María Peinado e Carlos Quintá
  • Composición musical: Carlos Quintá
  • Construción escenografía e marionetas: Luchi Iglesias
  • Deseño gráfico: María Peinado
  • Fotografía e vídeo: Santi García
  • Produción: Paporrubio

A compañía Paporrubio naceu en Lalín no ano 2013 da man de Luchi Iglesias. A súa personalidade enredante e argalleira fixo que dende moi novo se interesase polas formas de diversión da xente, o que unido ao seu traballo de actor, titiriteiro e escenógrafo deu como resultado Paporrubio, un proxecto que xira ao redor dos xogos populares e tamén de producións propias como ‘E entón, un xardín’.


Está pasando!