Orbil e Carme Fouces | © Concello de Pontevedra

O XXIII Salón do Libro ‘Con moita arte!’ aposta pola presencialidade e programa máis de 300 actividades do 11 ao 27 de marzo

1 Marzo 2022

  • Música, espectáculos exclusivos, teatro, literatura, obradoiros, contacontos e o “mellor do panorama cultural infantil” conformarán a programación logo de dúas edicións marcadas pola pandemia.
  • O espectáculo inaugural será o venres 11 de marzo ás 18:30 horas da man de María Lado e Lucía Aldao. Ao remate terá lugar a tracional apertura de portas da Sala de Exposicións.
  • Xa está habilitada na web www.salondolibro.gal a reserva de prazas para as actividades de balde ata o 17 de marzo. O día 17 activaranse as dos eventos do 18 ao 27 de marzo
  • As entradas dos espectáculos do auditorio xa están á venda en Ataquilla.com – inauguración e Rocklab a custo 0 euros – e de non esgotarse, na billeteira do Pazo unha hora antes de cada evento.

A concelleira de Cultura Carme Fouces presentou esta mañá – acompañada do lobo Orbil – a programación do XXIII Salón do Libro que este ano “estará ao 100% logo de ter que cancelar aos 6 días da inauguración en 2020 e pasarnos ao exitoso Salón Virtual ou de levalo a cabo o pasado ano cunha importantísima redución dos aforos. Traemos música, danza, o máis destacable e o mellor logo destes anos de parón”.

En total serán 17 días – do venres 11 ao domingo 27 – nos que están programadas máis de 300 actividades pensadas para bebés, cativada, familias, público máis adulto (faladoiros, Congreso de Mediación Lectora) e escolares, que por fin retornarán ao Pazo en horario matinal para asistir a contacontos, obradoiros ou encontros con autores. Días nos que “a cultura será o centro da vida”.



Fouces, que desvelou que Julia Lago, Premio Castelao de Banda Deseñada é a artista seleccionada para esta primeira edición das Residencias Artísticas do Salón, apuntou ao complicado de destacar eventos entre as máis de 30 páxinas do programa. Salientou o espectáculo inaugural “deseñado en exclusiva para o Salón contará con María Lado e Lucía Aldao, o Seminario Permanente de Jazz, pintura en directo e unha colaboración moi especial chegada da cultura convidada, Euskal Herria, que estár tamén presente ao longo de todo o programa con Concha Pasamar, Txabi Arnal, Ana Apika, etc. O pase 10° aniversario do espectáculo ‘Fíos’ de Baobab Teatro, Marcel Gros, o espectáculo “Nudos” de DaTe Danza, Uxía Lambona e a Banda Molona, os 30 anos de Migallas, non faltará o Rocklab, a clausura con Pesdelán, a coidada homenaxe a Xosé Cobas e Marica Campo – porque grazas a xente coma eles hoxe podemos celebrar un evento coma este – os mellores contadores, o préstamo de libros que seguirá activo, con preto de 3.000 que ampliaremos este ano e todo isto dentro dun ambiente máxico grazas a ambientación que se está rematando nestes días.”

Un programa que xa podedes descargar na páxina web www.salondolibro.gal e consultar día a día no calendario da web pero que non contará con versión impresa “nunha aposta pola sostenibilidade neste proceso de cambio postpandémico”.

Os eventos do auditorio, están xa a venda en Ataquilla.com e de non esgotarse, unha hora antes na billeteira do Pazo da Cultura. Alí poderedes atopar tamén, a custo 0 euros as entradas para a inauguración e o espectáculo de Rocklab.

A reserva de praza para os obradoiros, roteiros en colaboración co Museo de Pontevedra, actividades para bebés ata o 17 de marzo xa está activa na web. O día 17 activaranse a reserva das actividades do 18 ao 27 de marzo.

Está pasando!