Danza de Espadas | © Concello de Marín

O San Miguel e a Danza de Espadas volven este ano o domingo 3 de outubro a Marín

24 Setembro 2021

A Festa do San Miguel volverá este ano para gozar dun evento de interese turístico de Galicia, no que a Danza das Espadas ten un espazo protagonista.

Aínda que a festividade é o día 29 de setembro, a súa conmemoración posporase ao domingo, 3 de outubro, para que a veciñanza poida desfrutar da actuación e acudir á misa solemne.

A novidade que se presenta este ano, derivada da situación sanitaria, será a ubicación do acto institucional, que se celebrará, como o resto de citas do día, no Parque Eguren, xa que o Salón de Plenos ten o seu aforo limitado a apenas 25 persoas.

Deste xeito, ás 11.45 horas, será a recepción de autoridades para ás 12.00 comezar o acto institucional de entrega das distincións ás persoas homenaxeadas e as medallas e espadas aos rapaces. Neste acto, ademais, nomearase cofrade de honra ao novo director da Escola Naval Militar, Pedro Cardona.

A partir das 13.00 horas, será a Misa Solemne no Templo Novo, para depois iniciar o baile da danza, que se fará tamén no Parque Eguren. Finalmente, a ofrenda floral realizarase ao rematar a danza, na Praza do Reloxo.

Concerto pola tarde do Coro de Cámara Rías Baixas

Pola tarde, Coro de Cámara Rías Baixas ofrecerá un concerto ás 19.00 horas, tamén no Parque Eguren. A obra que se cantará está composta por un compositor tamén desta zona, que acompañará ao piano, e que supón unha adaptación de cantigas do Pergamino Vindel.

Está pasando!