Presentación do 23º SPJ | © Concello de Pontevedra

O Seminario Permanente de Jazz iniciará unha nova tempada musical en outubro en colaboración co Concello de Pontevedra

21 Setembro 2023

Abe Rábade, Paco Charlín, Virxilio da Silva e Max Gómez serán os mestres encargados das clases ao longo dos vindeiros meses, con até dez grupos de alumnos distintos


O edil de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez, participou na mañá do luns, 18 de setembro, na presentación do 23º Seminario Permanente de Jazz (SPJ). Trátase dunha iniciativa docente e musical que leva máis de vinte anos sendo unha referencia dentro do jazz galego e estatal.

Luis Carballo e Paco Charlín acompañaron ao edil para explicar polo miúdo a experiencia que ao longo dos vindeiros meses será desenvolvida na Boa Vila. «Pontevedra converteuse nun referente relacionado co jazz grazas a unha programación anual impresionante», sinalou Gómez. «O Festival de Jazz e o SPJ fan que Pontevedra teña un carácter único entre todas as cidades galegas».

O SPJ desenvólvese ao longo de todo ano, a través de diferentes sesións e clases de combo, Interpretación e Improvisación, cun carácter fundamentalmente práctico e colectivo, sendo, en palabras de Carballo, «unha experiencia na que buscamos ensinarlle á xente a tocar en conxunto». «É unha actividade que vai desde finais de setembro e principios de outubro, até o mes de xuño, intre no que se ofrece o concerto de fin de curso».

Charlín agradeceulle á colaboración ao Concello de Pontevedra á hora de permitir a celebración do SPJ na cidade ao longo de todos estes anos, lembrando que «é posíbel, a día de hoxe, dicir que o 70 % dos músicos de jazz que hai no noso país veñen da man do SPJ de Pontevedra».

O prazo de inscrición permanecerá aberto até o 1 de outubro, podendo solicitar o formulario a través da web pontejazz.org


Está pasando!