Presentación do Senda Fest | © Concello de Pontevedra

O Senda Fest traerá a música electrónica até Pontevedra nunha combinación perfecta entre artistas reputados e emerxentes

4 Xullo 2023

  • O cartaz dunha das primeiras gran citas da programación festiva do verán, contará cunha ampla representación feminina
  • O venres 7 de xullo os altofalantes comezarán a soar ás 18:00 horas no espazo verde da Antiga Tafisa, e o sábado 8 as actuacións comezarán ás 13:00 horas

O edil de Festas, Demetrio Gómez, repasou esta mañá polo miúdo os concertos incluídos dentro do Senda Fest, o evento de música electrónica que se coloca, xunto coa Festa dos Libros, na primeira cita do mes de xullo dentro do programa de festas para o verán, deseñado polo Concello de Pontevedra.

Acompañado por José González ‘Malaguita’, director do evento, o edil lembrou que «estamos empeñados e empeñadas en facer unhas festas que sexan para todos e para todas, onde cada quen poida atopar o seu cachiño preferido, ao tempo onde cada quen poida descubrir cousas novas e outras formas de se divertir».

O concelleiro quixo invitar a todos os pontevedreses e pontevedresas a gozar desta cita, a pasear polos terreos da antiga Tafisa (Avenida de Uruguai) na tarde do venres, 7 de xullo, e ao longo da xornada do 8 de xullo, desde as 13:00 horas. «É unha oportunidade de descubrir unha música na que Pontevedra tamén é un referente», indicou



Pola súa banda, José González destacou a presencia de John Talabot dentro da programación do Senda, artista internacional que actúa en festivais de renome como o Primavera Sound, o Sónar ou o Bilbao BBK —actuará neste espazo xusto ao día seguinte de pasar pola Boa Vila—, así como a importancia da presenza feminina dentro do cartaz. «O Senda é un espazo distinto, seguro, cunhagran presenza de artistas femininas, xerando un espazo lúdico ao tempo que reivindicativo», explicou.

«Talabot é un artista que quería vir actuar a esta cidade. É coñecedor do que é Pontevedra a día dehoxe, desa idea de ser referentes, de ir máis avanzados ca o resto, neste caso a través dun ‘festival boutique’ onde coidamos o son, a programación, a contorna, os valores e os principios que temos. Temos unha cidade óptima para facer estas cousas», sinalou González. «Pontevedra para min é ir un pouco adiantados aos tempos, amosando que é o que está a pasar por aí fóra».

O director fixo fincapé na idea de contar cun artista reputado como é Tabalot e combinalo tamén con novos valores locais, o que permite amosar o talento emerxente, situándose este non só a horas de apertura, senón nos momentos nos que se intúe máis afluencia de xente.

Así, o venres 7 actuarán: John Talabot, Oma Totem, Nico e Guillermo Lucena.

O sábado 8, o cartel queda configurado do seguinte xeito: Spacer, Mena G, Systema, Arque, Camilo Miranda, Christian Lem, La_ind0 e Certain People.

O festival conta con redes sociais propias nas que continuarán subindo información de cara á cita musical e durante a mesma.

Está pasando!