O Festival Sons de Ánkar trasládase ao mes de abril cunha programación moi renovada pensada para todas as idades

13 Decembro 2022

A Concellería de Festexos, dirixida polo nacionalista Xosé Luís Martínez, aposta por dar un novo xiro a unha das citas musicais e lúdicas que, nos últimos anos, acabaron por consolidarse plenamente no municipio. Trátase do Festival Sons de Ánkar, que no 2023 vivirá a súa cuarta edición experimentando unha importante transformación. Tal e como lembra o propio Martínez Blanco, este festival celebrábase a principios de xullo e servía para marcar o inicio do programa Verán en Poio.

Nesta ocasión, non obstante, o acontecemento trasladarase á primavera. Será o sábado 29 de abril cando teñan lugar as actuacións musicais, que pasarán a concentrarse nunha única data. Están confirmada a participación de tres grupos de renome, que se darán a coñecer proximamente. “Seguiremos a apostar por grandes referentes da música galega, como viñemos facendo desde que estreamos o Sons de Ánkar en 2020”, indica o responsable de Festexos. Á hora de explicar este cambio, Xosé Luís Martínez declara que “entendemos que é un evento moi consolidado e que con este novo formato pode atraer a moita xente da contorna, sen esquecer de que esa fin de semana será ponte, ao coincidir o festivo do 1 de maio en pleno luns”.

Esta non será a única novidade que incluirá o novo Sons de Ánkar. Ademais dos concertos no propio parque de Ánkar, ao longo de toda esa xornada tamén se organizarán iniciativas lúdicas e xogos pensadas para xente de todas as idades, que se trasladarán a outros emprazamentos de San Salvador, como é o caso do parque de Rosalía de Castro. “Queremos que sexa unha xornada de música e diversión para todos e todas, a través de unha iniciativa variada”, conclúe Xosé Luís Martínez. Andrés Suárez, Baiuca ou Guadi Galego son algunhas das formacións e artistas que pasaron por este festival desde o seu nacemento.

Verán en Poio 2023

Por outra banda, Xosé Luís Martínez tamén confirmou que a Concellería de Festexos ten moi avanzada a programación correspondente ao Verán en Poio 2023, que volverá a contar con grandes artistas e coas mellores orquestras do país. Como xa é habitual, abrirase o programa coas Festas de San Xoán, do 22 ao 26 de xuño. Volverá tamén o Festival Chalaniña, para os e as máis cativas, do 27 ao 30 de xullo. Como novidade, introdúcese o ‘Chalana’, o 2 e 3 de agosto, con grandes concertos en diferentes lugares do concello

A Festa do Mar, pola súa banda, volverá a Combarro entre o 23 e o 27 de agosto, mentres que pechará a programación a Festa da Ameixa, o 16 e 17 de setembro.

Está pasando!