Presentación do Surfing the Lérez 2024 | © Concello de Pontevedra

O Surfing the Lérez dará o disparo de saída ao verán pontevedrés na fin de semana do 14 e 15 de xuño

22 Abril 2024

  • A Illa do Covo, enclave xa clásico para este evento, acollerá unha programación musical ecléctica e con selo galego, con artistas como The Rapants, Grande Amore, Hydn, Niños Mutantes, Meu, Javier Lago, Galician Army, Ortiga ou Joe Crepúsculo
  • Organización e Concello de Pontevedra lembran que a entrada é de balde, pero animan a doar alimentos imperecederos, agardando chegar até ás 10 toneladas este 2024

O festival de música por antonomasia de Pontevedra, o Surfing the Lérez, vén de presentar boa parte da súa programación para este 2024. A cita, que mantén a súa esencia intacta —localización, entrada libre e ambiente diverso e familiar—, celebrarase entre os días 14 e 15 de xuño ao longo de dúas xornadas que prometen ser para o baile e o ocio.

O festival recupera a súa colaboración co artista pontevedrés Santiago Paredes para o deseño do seu cartaz, no que aínda faltan algunhas agrupacións de peso por confirmar, e homenaxea á Sala Karma, combinando unha mostra de bandas que pasaron pola sala de concertos da Boa Vila, ao tempo que mestura grupos xa consolidados como Grande Amore, Ortiga ou Niños Mutantes, como propostas emerxentes tales como as de Javi Lago e Lady Banana.



A Illa do Covo agarda a chegada de centos de persoas ao igual que en pasadas edicións, nunha combinación de ambiente familiar e musical, con sitio para todos e todas, ao longo de todas as franxas de idade.

Haberá de novo zona gastronómica, barras de bebidas e un posto de recollida de alimentos, pois esta é a entrada simbólica que os asistentes deben entregar, poñéndose o reto este ano nas 10 toneladas de alimentos a recoller pola Rede Axuda. Por suposto, tamén haberá zona infantil e un mercado emerxente, con produtos artesáns e de proximidade.

Está pasando!