Presentación do XIII Surfing the Lérez | Concello de Pontevedra

O Surfing the Lérez revela o seu cartel ao completo e promete dúas xornadas abertas de música e encontro para lembrar

3 Maio 2025

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinala que esta romaría urbana recolle como ningún outro festival as características da Boa Vila, ao ser unha cita de balde, solidaria, cultural, familiar e cun enorme éxito


O xa famoso crocodilo do Surfing the Lérez volverá amosar a súa pel verde na Illa das Esculturas entre o 6 e o 7 de xuño. Na súa décimo terceira edición, o Surfing achega un cartel ecléctico, cun forte compoñenente galego e solidario, e cunha aposta clara polo indie, o rock e chiscadelas a outros estilos e xéneros.

Xunto con todo isto, a súa esencia segue intacta: acceso libre e de balde, ambiente familiar, horario máis diúrno que nocturno, espazos gastronómicos e infantil, catro escenarios distintos…

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou na presentación do cartaz completo do festival, indicando que o Surfing é unha romaría urbana que recolle como ningún outro festival as características que fan de Pontevedra unha vila especial.

Destacou a presencia de grupos e artistas galegas, ao tempo que destacou a importancia dunha cita pola que pasan, ao longo de dous días, entre 30 e 40 mil persoas; sexan veciños e veciñas da Boa Vila, ou visitantes que viaxan expresamente a vivir esta experiencia.

O rexedor felicitou a Marcos Rivas, «alma mater do festival», polo seu labor ao fronte da organización e da coordinación dun evento que aparece marcado en vermello na axenda cultural da cidade, e que, dalgún xeito, funciona como punto de partida para o verán musical do concello.



O festival arrancará o venres 6 coas actuacións de Anaut, Anabel Lee, Antía Muíño, Cristalino, King África, María Grep, Miguel Costas, Montedapena, Néstor Pardo, Nocturna, Repion, Shego e Toldos Verdes.

O sábado 7 será o turno de Alba Reche, Ángel Stanich, Arizona Baby, Capital Voskov, Cora Yako, Grande Amore, Grima, Jarabo, Karavana, Las Dianas, Levitants, Liorta, Melifluo, Ortiga, Portrait, Resaca Emocional, Santi Araújo e Trashi.

A maiores, 12 picadiscos, todos galegos, terán tamén o seu espazo: Carlos Crespo, Duendeneta Dilleis, Kris K DJ, La Suprema e Maefield Nanein na primeira xornada e de DJ Amable (Common People), DJ Dinero, Bea Fernandes, BB.Wav B2B Elba, Gorllitox e Señora DJ o sábado.

Está pasando!