O Teatro Espontáneo incorpora a reflexión sobre a saúde mental na súa sesión de setembro que acolle o Mercado de Abastos de Pontevedra

25 Setembro 2024

  • A cita mensual con este teatro de improvisación é este xoves 26, ás 19.00 horas no gastro espazo do Mercado de Abastos, convertido nun escenario
  • O obradoiro teatral, que non precisa inscrición, está promovido pola Concellería de Benestar Social e organizado pola Asociación Inzar

Co outono chega unha nova cita co Teatro Espontáneo. Este xoves, 26 de setembro, ás 19.00 horas, o espazo gastro-bar do Mercado de Abastos de Pontevedra converterase no escenario dunha experiencia que une liberdade, creatividade e convivencia e que, nesta ocasión servirá ademais para poñer o foco sobre a saúde mental.

A proximidade do Día Mundial da Saúde Mental – que se conmemora o 10 de outubro baixo o lema ‘Traballo e Saúde Mental, un vínculo fundamental’– está detrás deste exercicio de inclusión nunha actividade na que non se xulga, acompáñase. O Teatro Espontáneo busca crear condicións para que as persoas poidan expresarse con liberdade, dicir o que queiran, reflexionar sobre os temas que lles interesan ou inquietan, debater sen confrontación, buscar respostas e transitar cara a unha creación colectiva.



Este obradoiro teatral que organiza a Asociación Inzar e promove a Concellería de Benestar Social púxose en marcha o pasado mes de febreiro. Trátase dunha actividade mensual que se desenvolve en dúas sesións de hora e media, en dous xoves consecutivos.

O terceiro xoves de cada mes celébrase unha sesión de adestramento en técnicas de escenificación, improvisación e teatro espontáneo na Casa Azul, en horario de 19.30 a 21.30 horas. É unha actividade aberta polo que para participar só hai que acudir, non é necesario inscribirse.

Unha semana máis tarde, o cuarto xoves do mes, o gastro-espazo do Mercado acolle unha representación pública deste teatro de improvisación. Trátase dunha interpretación sen guión previo, no que os actores e actrices, autores e público constrúen un relato colectivo.

Malia non ser, en termos rigorosos, un produto artístico nin un recurso terapéutico o teatro espontáneo é unha ferramenta de resolución de conflitos, unha intervención social que fomenta o diálogo social respectando a diversidade, fortalece o desenvolvemento humano e a conciencia cívica, ademáis de incentivar a participación social activa.

Está pasando!