O Teatro Principal de Pontevedra reanuda a súa actividade co ciclo de cine euroárabe ‘Amal en ruta’ do 5 ao 9 de setembro

3 Setembro 2022

Na que será xa a súa sétima edición, proxectaranse tres ficcións e dous documentais, cada día ás 21:00 horas, con entrada de balde ata completar aforo


Logo das Festas, o Teatro Principal será de novo o centro cultural de Pontevedra e abrirá as portas a partir do luns coa sétima edición do ciclo de cinema euroárabe Amal en ruta.

Segundo avanzaron os organizadores, na escolma desta edición está presente a “loita do amor en diferentes ámbitos e contextos contra todos aqueles que queren que o amor desapareza. A primeira delas é unha historia de amor a través da amizade. A segunda fala do amor á familia. O amor á vida é o protagonista do 3º filme. Na 4ª peza, fálase da loita contra os prexuíxos da sociedade fronte o amor na idade madura e a película de clausura é un exemplo de que o amor derriba muros”.

Este ciclo de 2022 supón un percorrido polo mellor cine árabe da actualidade e un resumo da última edición da Semana de Cine Euroárabe Amal, celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela en outubro de 2021.

Está composto de cinco películas –tres ficcións e dous documentais, en versión orixinal subtituladas en castelán – que teñen un considerable recoñecemento nos principais festivais de cine internacionais.

Poderanse ver entre o luns 5 e o venres 9 de setembro de forma gratuíta ata completar aforo, ás 21:00 horas no Teatro Principal de Pontevedra.


Está pasando!