O trío vigués Abril publica novo tema, unha xota de Frades extraída do arquivo do Patrimonio Oral da Identidade e arranxada pola banda

6 Febreiro 2023

‘Frades’ é unha xota recollida no arquivo do Patrimonio Oral da Identidade arranxada polo grupo e gravada nos Estudios Mans no marco do concurso Festival Interritmos


Claudia Abril (voz e percusión), Marina Carpente (violín e voz) e Antón Lago (guitarra e voz) son as integrantes de Abril, un proxecto musical afincado en Vigo que mestura músicas de raíz galega e ibérica con outros xéneros. Veñen de publicar novo tema, unha xota de Frades extraída do arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) e arranxada pola banda. A peza foi gravada en xuño de 2022 nos Estudios Mans xunto a Juan Regueira no marco do concurso Interritmos Sons do Rural e conta cun vídeo asinado por Gloria Campello e Marta Rodríguez.

En 2021 os tres integrantes de Abril xuntáronse para tocar e compoñer arredor das súas influencias, principalmente a música tradicional galega. En abril de 2022 formaron o trío froito da ilusión de seguir traballando arredor da música tradicional. O pasado verán participaron en festivais como o ‘Festival da Luz’, o ‘Feito a Man’, ‘Son do Pazo’ ou ‘Encordass Fest’. Actualmente están a gravar o seu primeiro traballo discográfico co produtor Zalo Rodríguez que está previsto que se publique en primavera. As vindeiras semanas combinarán as sesións no estudio con concertos no Festival Rubrifolkum de Sant Boi de Llobregat (Barcelona) e na Casa das Crechas de Compostela o 16 de marzo.

‘Frades’ foi gravada en xuño de 2022. A xota foi recollida en 1988 das informantes Concepción “do Piñeiro” Sánchez, Pura “de Lanzá” Rodríguez e Carmen “de Porro” Souto, por Ricardo Rey, Rosa María Fernández e José Ignacio Doval Fraga en Abellá.


Está pasando!