Presentación da Gran Final do VIII Concurso de Cociña ‘En ASPACE cociñamos xuntos’ | Concello de Pontevedra

O VIII Concurso de Cociña ‘En ASPACE cociñamos xuntos’ fai do Mercado de Pontevedra un escenario único e inclusivo

2 Xuño 2025

A cita, aberta ao público, comezará ás 12.00 horas e durará, aproximadamente, unha hora, contando con persoas usuarias de APAMP, AMENCER-ASPACE, ASPACE Coruña e ASPACE Lugo


O vindeiro mércores, 4 de xuño, terá lugar a Gran Final do VIII Concurso de Cociña “en ASPACE cociñamos xuntos”, organizado por ASPACE Galicia (Federación Galega de Persoas con Parálise Cerebral e/ou Patoloxías Afíns).

Nesta ocasión, as persoas con parálise cerebral finalistas das catro semifinais organizadas ao longo do mes de maio competirán por facerse co premio ao mellor prato con conservas (atún, sardiñas ou agullas) ao estilo tradicional e/ou ao mellor prato texturizado/triturado.

Dos oito finalistas, só 2 parellas e/ou tríos serán os gañadores nas categorías de tradicional e texturizado. As persoas usuarias das entidades afíns (APAMP, AMENCER-ASPACE, ASPACE Coruña e ASPACE Lugo) teñen unha última cita nas cociñas.

A final terá lugar no Mercado de Abastos de Pontevedra. Ás 12.00h comezará unha carreira contrarreloxo onde os participantes terán ata as 13.00 horas para presentaren o mesmo prato co que chegaron á final.

Un xurado distinto e diverso formado por Julio Mato, cociñeiro e presentador de ‘A Voltas Co Prato’; Iñaki Bretal, chef do restaurante O Eirado da Leña; e Juan Permuy, blogueiro en ‘El Hambre con las Ganas de Beber’, terá a tarefa de escoller ás persoas gañadoras desta oitava edición.

A edil de Benestar Social, Anabel Gulías, explicou na presentación deste evento que agardaba que «se convértese nun imprescindíbel da programación pontevedresa e do Mercado», ao tratarse dunha cita ideada con moito «agarimo e moito amor», e que traballa cos valores que promove o Concello de Pontevedra.

«Queremos ser un Concello que garanta o benestar de todas as persoas, alén da súa condición. Alégrame especialmente que O Mercado fose o escenario escollido para este concurso», explicou.

A Federación ASPACE-Galicia (Federación Galega de Asociacións de Atención a Persoas con Parálise Cerebral e/ou Patoloxías Afíns) naceu no ano 1999 co obxectivo de favorecer a coordinación e cooperación entre as asociacións de parálise cerebral e outras entidades en Galicia, de xeito que a unión e forza das mesmas contribúan a acadar a igualdade de oportunidades para as persoas con parálise cerebral.

A entidade está integrada polas asociacións APAMP (Vigo), AMENCER-ASPACE (Pontevedra e Vilagarcía de Arousa), ASPACE Coruña (Sada) e ASPACE Lugo.

Está pasando!