Presentación do FIT | © Ruth Rodríguez

O XXII Festival Internacional de Títeres de Redondela despregará máis de 40 actividades do 1 ao 5 de setembro

16 Agosto 2021

A XXII edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo) desenvolverá máis de 40 actividades do 1 ao 5 de setembro a cargo de 25 compañías de variada procedencia.

Unha cita ineludible para encher de luz, música e monicreques á vila dos viadutos, logo de dous anos de pandemia, no que Redondela volve situarse na vangarda internacional dos festivais teatrais, tal e como sinalou Luis Crespo, director do FIT, na presentación en rolda de prensa, acompañado do Concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa; o director da Axencia Galega das industrias Culturais, Jacobo Sutil; a deputada provincial de Cultura e Igualdade, María Victoria Moreno, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas. Arroupados con algúns/as compoñentes da asociación Xente Titiriteira como Eduardo R Cunha “Tatán”.

Presentación do FIT | © Ruth Rodríguez

A billeteira para os espectáculos de sala abrirá dende este mércores ao venres, en horario de 10:00 a 13:00 horas, e tamén a vindeira semana, de non esgotarse previamente, de luns a venres, cun prezo único de 5 euros. Estará ubicada no Multiúsos da Xunqueira, na entrada da Churrería de Pepe.

Para as propostas de rúa, con aforo limitado e numerado, co patio de butacas organizado por núcleos de convivencia respectando as distancias de seguridade, tamén será preciso mercar entrada, cun prezo simbólico de 1 euros, no mostrador do Multiúsos, de mércores a venres desta semana e de luns a venres da vindeira, en horario de 10:00h a 14:00 horas, e os venres de 17:00 a 20:00 horas.

No mesmo horario, nos exteriores do recinto, poranse á venda as tradicionais camisolas e chapas desta edición do Festival, cuxa personaxe rende homenaxe ao títere de cachiporra.


Está pasando!