Presentación do XXV Festival de Artistas de Rúa | © Concello de Redondela

O XXV Festival de Artistas de Rúa trae a Redondela circo, maxia, humor e a mellor música

22 Xullo 2024

  • A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, adiantou que o certame “contará coma sempre con artistas locais, porque en Redondela hai moito talento e queremos potencialo e darlle visibilidade, e tamén con actuacións de gran nivel nacional e internacional”
  • Haberá actuacións na alameda e nas distintas prazas do centro da vila desde as 19.30 cunha programación de gran calidade e moi variada: concerto de As Tareixas, espectáculos de circo, malabares e humor con Rogelio La Fête e “Cualquier verdura” da compañía Chimichurri, UP2DOWN con funambulismo, o pasarrúas Hexagonum de Troula, o mago El Shado e os ritmos cubanos do Septeto Santiaguero

O Festival de Artistas de Rúa cumpre 25 anos e será un dos pratos fortes da programación cultural de verán do Concello de Redondela. A concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, e a alcaldesa Digna Rivas presentaron as actividades desta edición que se celebrará o venres 2 de agosto con actuacións “moi especiais”. O festival arrancará ás 19.30 horas con actividades na Alameda Castelao, a Praza da Constitución, a Praza José Figueroa, a Pista da Xunqueira e a Praza da Torre.

A alcaldesa, Digna Rivas, adiantou que o certame “contará coma sempre con artistas locais, porque en Redondela hai moito talento e queremos potencialo e darlle visibilidade”, e tamén con actuacións de gran nivel nacional e internacional.



A xornada arrancará cun concerto de As Tareixas, un grupo musical familiar redondelán galardoado co segundo premio no concurso “Quero cantar” celebrado este ano pola Deputación da Coruña. Será ás 19.30 na praza José Figueroa.

Ás 20.15 horas será a quenda do circo co clown Rogelio La Fête. O artista galego ofrecerá un espectáculo de corda frouxa, malabares, música e moito humor na Praza da Constitución. “Cualquier verdura” é o espectáculo que ofrecerá a compañía Chimichurri, con Rafael Dante, na Alameda Castelao ás 20.50 horas. Pérez Táboas explica que se trata dunha actuación que sorprenderá a todo o público “pola súa técnica, precisión e concentración, que contrasta co disparate e o humor dun artista circense moi cómico”. A alameda acollerá tamén o espectáculo UP2DOWN, unha peza de funambulismo, danza e clown para público familiar.

Ás 22.15 horas comezará o pasarrúas con Hexagonum, que percorrerá o centro da vila desde a praza de Ribadavia ata a praza de Santiago Apóstolo. Este novo espectáculo de rúa da compañía Troula conta a evolución da Humanidade desde o punto de vista dunha abella. Con estética “punki” o seu impresionante atrezo con música en directo, lume, efectos de luz e un diverso elenco “sorprenderá ao público de todas as idades cun show espectacular”.

Un dos pratos fortes deste XXV Festival é a actuación do Mago El Shado, que participou en programas como Got Talent con moito éxito “e seguro que vai sorprender ao público”. Será na pista da Xunqueira ás 23.00 horas “con trucos que van máis aló do convencional e onde a maxia se fusiona coa modernidade e o mentalismo para deixarnos sen palabras”.

Para pechar o certame teremos o concerto do Septeto Santiaguero ás 00.00 horaqs na Praza da Torre. O grupo é todo un referente da música tradicional cubana, conta con dous premios Grammy Latinos “e seguro que nos van facer bailar a todos cos seus ritmos”, apunta Rivas. Tanto a rexedora como a responsable de Cultura sinalan que se trata dunha programación “moi variada e de gran calidade para gozar dunha tarde-noite coa familia e amigos polas rúas e prazas de Redondela e que seguro vai ser un éxito de público”.

Está pasando!