Os 24 concertos que a RFG vai celebrar esta temporada na súa sede, o Auditorio de Galicia, serán retransmitidos en directo por streaming

11 Xaneiro 2021

Co fin de chegar ao maior número posible de público, os 24 concertos que a Real Filharmonía de Galicia vai celebrar esta temporada na súa sede, o Auditorio de Galicia, serán retransmitidos en directo por streaming.

Youtube:

www.youtube.com/user/FilharmoniaGalicia

Facebook:

www.facebook.com/RealFilharmoniadeGalicia

Plataforma Tolemias:

www.tolemias.tv 

A Real Filharmonía de Galicia inicia o seu camiño en Santiago de Compostela en 1996. Paul Daniel é, dende 2013, o seu director titular e artístico, posto no que o precederon Helmuth Rilling e Antoni Ros Marbà. Está formada por cincuenta músicos de 17 nacionalidades diferentes.

Con sede no Auditorio de Galicia e xestionada polo Consorcio de Santiago, mantén unha temporada de abono estable. Ao longo da súa traxectoria acompañárona os máis destacados directores, cantantes e instrumentistas do mundo. Ten realizado xiras e concertos en escenarios de Alemaña, Austria, Francia, Brasil, Arxentina, Cuba e Portugal, país co que mantén unha estreita colaboración. Comprometida co territorio ao que presta servizo, actúa asiduamente por toda Galicia.

A RFG amosa un especial interese pola obra de autores noveis, en particular de compositores galegos. A súa discografía consta de máis de 12 cedés, dedicados a Maurice Ravel, Manuel de Falla, Frederic Mompou, Antón García Abril, Franz Schubert ou José Arriola.

A Real Filharmonía de Galicia traballa no achegamento a novos públicos, a través de propostas didácticas, familiares e programas especiais; promovendo ademais a realización de concertos en espazos abertos.

A orquestra forma un proxecto conxunto coa Escola de Altos Estudos Musicais, coa que colabora para ofrecer unha formación altamente especializada en práctica orquestral a xoves intérpretes.

Está pasando!