Os amantes do elixir de lúpulo e cebada teñen unha cita ineludible en Pontevedra entre os días 16 e 19 de xuño na IV edición de Pontebirra

10 Xuño 2022

  • A IV edición de Pontebirra, a Feira da Cervexa Artesá de Pontevedra, servirá máis de 100 tipos diferentes de cervexa artesá na Praza de España entre os días 16 e 19 xuño
  • O evento gastronómico, organizado pola Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns e La Ruta del Lúpulo SL en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra e as firmas locais Nasa e Meiga, contará con cervexeiros procedentes de toda Galicia, Madrid, Castela e León, Castela A Mancha e Portugal e incluirá no seu programa concertos, DJ’s, foodtrucks, obradoiros e xogos populares

O festival será inaugurado o xoves 16 de xuño ás 19:00 horas (se ben a zona de xogos populares abrirá xa ás 18:30 horas), estando prevista tamén unha actuación de Brasi ás 20:00 horas para esa primeira xornada. O resto de días Pontebirra permanecerá aberta ao público desde as 12:00 horas, pechando portas á 1:00 o venres 17 e o sábado 18 e ás 22:00 horas no día clausura (domingo 19).

Á marxe dos xogos populares, haberá música ambiente tódalas xornadas, talleres infantís, actuación de Kelloh (venres ás 20:00 horas), sesións beer-mú a cargo de Rapariga DJ (sábado ás 13:30 horas) e Nós Folk (domingo ás 13:30 horas) e concerto de Los Tónikash (sábado ás 22:00 horas), así como concursos para elixir a mellor etiqueta do festival, a mellor cervexa e a mellor foodtruck.

Nesta feira poderase degustar a cifra récord de máis de 100 tipos diferentes de cervexa artesá (na pasada edición houbo unhas 70 diferentes) que serán servidas, ademais de polas pontevedresas Meiga e Nasa, polas ‘casas’ Nós (Vigo), Irmaos de Lei (Vigo), Atlántica (Redondela), The One (Sanxenxo), Bubela (Lugo), Go (Madrid), Áncora (Ourense), Castreña (O Bierzo), Nortada (Porto), Siesta (Burgos) e Banda (Nigrán).

A organización de Pontebirra, sinala que este é un festival de carácter familiar, que ten como obxectivo principal fusionar a cervexa artesá coa comida de rúa, xerando así un espazo cultural diferente. As foodtrucks participantes son Yummy World, de burguers gourmet; La Gallega, de parrillada e polbo; Caleyes, de hamburguesas; Crepería Sebastian, de crepes; Baden Baden, de salchichas; Capitán Samosa, de samosas, e Croquetas D.


Está pasando!