Os amantes dos produtos gourmet terán unha tentación irresistible en Pontevedra do 3 ao 5 de febreiro coa celebración da III Feira de Alimentación de Produtos Naturais, Ecolóxicos e de Proximidade ‘O Mellor da Terra’

26 Xaneiro 2023

O evento, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e a plataforma #PonteLovers, contará cuns 40 expositores, a meirande parte deles galegos, aínda que tampouco faltará a oferta máis sibarita procedente doutros puntos de España


Despois de alcanzar os 35.000 visitantes o pasado ano, a Feira de Alimentación de Produtos Naturais, Ecolóxicos e de Proximidade ‘O Mellor da Terra’, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo do Concello de Pontevedra e a plataforma #PonteLovers, regresará os vindeiros días 3, 4 e 5 de febreiro nunha III edición que reunirá na Praza de España a preto de 40 expositores.

O evento feiral, concibido como un grande escaparate para darlles visibilidade a pequenos produtores da industria alimentaria e xa consolidado como espazo de exhibición dunha variadísima gama de alimentos de calidade saudables, innovadores e diferenciados, desenvolverase en horario ininterrompido, de 11:00 a 21:00 horas, nunha enorme carpa de 40 metros (haberá un expositor exterior).

Entre os artigos delicatessen que se exporán inclúense unha ampla selección de produtos galegos como os patés de centola de Pepa A Loba; unha selecta variedade de queixos de cabra, ovella e tetilla, mesmo algún italiano e francés (así como requeixo); as galletas Burriana; a bica de castaña de Amarelante; Doziños de Padrón; Aceites Embruxo; hidromel; as famosas Xacobleas; as conservas gourmet de El Abuelo Lelo, e diversas meles da zona. Aínda que a meirande parte dos produtores serán da nosa xeografía, tampouco faltará a oferta máis sibarita procedente doutros puntos de España, como unha das mellores cecinas de León ou as célebres anchoas de Santoña.

Segundo explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “a feira contará con pequenos produtores que non teñen capacidade para chegar a grandes superficies e que supoñen un piar imprescindible na economía galega, o que a converte nunha atractiva exposición que dará a coñecer ao consumidor final unha ampla gama de produtos de proximidade de máxima calidade, non procesados, vitais e insubstituíbles, polo papel que desempeñan na saúde e o benestar do consumidor, no medio ambiente e no desenvolvemento da economía local”. “Os amantes dos manxares gourmet e delicatessen teñen en ‘O Mellor da Terra’ unha cita ineludible na fin de semana do 3 ao 5 de febreiro. Os que se acheguen ata a carpa da Praza de España poderán atopar produtos e produtores que resultan difíciles de atopar no circuíto habitual, moitos deles descoñecidos para o público xeral”, apunta a socialista.


Está pasando!