Os Bolechas visitarán o Centro Social do Mar de Bueu o 18 de novembro na súa nova xira de teatro

13 Outubro 2023

O Centro Social do Mar de Bueu acollerá o sábado 18 de novembro o espectáculo teatral ‘Os Bolechas visitan en familia unha galería de arte’, que se celebrará ás 17.30 horas con entrada de balde ata completar aforo.

Esta actividade forma parte do programa FalaRedes de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.



Bisavós e bisavoas, tataravós e tataravoas, familiares prehistóricos… os antepasados dos Bolechas regresan nesta nova aventura plasmados no lenzo. A nova obra de teatro ‘Os Bolechas visitan en familia unha galería de arte’ chegará aos teatros de toda Galicia, o seu estreo tivo lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, no concello de Ames.

Neste teatro de monicreques, os irmáns visitan unha galería na que coñecen a un pintoresco artista e os seus cadros abstractos e surrealistas, mais non acaban de entender este tipo de arte e prefiren pintar cadros máis figurativos e realistas. Despois de darlle moitas voltas, e coa axuda do público, deciden debuxar aos seus antepasados.

Esta iniciativa enmárcase dentro do FalaRedes, un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Dende a Secretaría, remarcan a importancia desta iniciativa xa que “Os Bolechas son un referente positivo para os cativos na promoción e o uso da lingua e cultura galegas, así como unha forma de dinamizar o ocio en galego”, sinalan.

A xira está orientada a un público cativo de entre 5 a 12 anos, mais tamén é unha opción para pasalo ben en familia. Deste xeito, a obra pretende fomentar o interese pola arte e polo coñecemento da familia e os nosos antepasados, sen perder a diversión dos nenos e nenas. Os Bolechas son referentes na promoción e uso do idioma galego, polo que é unha perfecta alternativa de ocio en galego, que tamén motiva o coñecemento dos nenos e nenas, ao mesmo tempo que se reforza a arte como un elemento potenciador do noso patrimonio e de lembranza e honra dos antepasados.

Está pasando!