Os campamentos de verán ‘Naturarte’ ofrecen tres pospostas de ocio para a rapazada de 8 a 12 anos

30 Maio 2023

  • A Concellería de Xuventude do Concello de Vilagarcía porá en marcha este verán unha nova edición do Naturate, o programa de campamentos urbanos destinados á rapazada de 8 a 12 anos
  • O departamento que dirixe Alba Briones oferta 60 prazas a repartir entre as modalidades medioambiental, ecoartística e multiaventura, cada unha das cales se desenvolverá ao longo dunha quincena dos meses de xullo e agosto
  • A participación é de balde e o período para anotarse ábrese hoxe martes, 30 de maio, e remata o 6 de xuño

Os campamentos temáticos están dirixidos a rapaces e rapazas nados entre o 1 de xaneiro de 2011 e o 31 de decembro de 2015. Cada un deles conta con 20 prazas que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición. Todas as actividades terán como base o Auditorio e incluirán visitas, excursións e obradoiros ao aire libre a realizar de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Cada campamento organizarase en dous grupos de 10 participantes, cada un dos cales contará co seu propio monitor.

O campamento ecoartístico desenvolverase durante a quincena que vai do 3 ao 14 de xullo. No seu programa destacan os percorridos por diferentes espazos naturais do municipio, un obradoiro de realización de instrumentos musicais con elementos naturais, actividades de animación musical e baile, teatro, maxia e introdución ao cómic, así como unha visita á illa de Cortegada.

O campamento medioambiental realizarase durante a quincena que vai do 17 ao 31 de xullo e todas as súas actividades gardarán relación coa natureza. Así, os participantes farán un roteiro polo río Con para coñecer o ecosistema fluvial e identificar macroinvertebrados. Tamén visitarán a illa de Cortegada, realizarán unha actividade intermareal na praia da Concha-Compostela e outra de temática ornitolóxica para identificar paxaros a través dos seus cantos e fabricar niños.

O último dos campamentos urbanos será o multiaventura, que terá lugar do 31 de xullo ao 11 de agosto. Nel, a maiores da visita a Cortegada, a rapazada realizará diferentes xogos, como carreiras de orientación ou busca de tesouros, participará en rutas de sendeirismo e practicará deportes de praia e náuticos, como volei ou kaiak.

Requisitos

Ademais de facilitar alternativas didácticas e lúdicas para ocupar o tempo da rapazada durante as vacacións, os campamentos de verán ofrécense como medida de conciliación que permita ás familias compatibilizar a xornada laboral dos proxenitores coa debida atención dos seus fillos. Por iso, o principal requisito para poder inscribirse nos campamentos é que os dous proxenitores teñan ocupacións laborais, situación que deberán poder acreditar. Ademais, os solicitantes deberán estar empadroados en Vilagarcía ou poder certificar documentalmente que desempeñan as súas ocupacións laborais no municipio.

A maiores do aspecto conciliador, cos campamentos urbanos de verán, a Concellería de Xuventude busca proporcionar unha alternativa de ocio saudable á rapazada do municipio, ofrecendo unha ampla variedade de actividades que contribúan a reforzar os contidos educativos dun xeito lúdico a través dun proxecto educativo inmersivo.

Trámite de inscrición

Os interesados en asistir aos campamentos de verán deberán presentar a solicitude debidamente cuberta, xunto coa documentación requirida, dentro do prazo establecido. A presentación farase preferentemente de forma telemática a través da sede electrónica do Concello (sede@vilagarcia.gal). Tamén poderán presentala presencialmente no Rexistro Xeral, de luns a venres, en horario de 8.30 a 14.30 horas. Na solicitude deberán indicar por orde de preferencia á modalidade do campamento no que desexan participar. A lista de admisións publicarase na sede e na web municipais o día 14 de xuño.

Tanto as bases que regulan esta convocatoria como o formulario de solicitude poderán consultarse a partir do 30 de maio no taboleiro de anuncios de http://www.vilagarcia.gal e da sede.vilagarcia.gal.

Está pasando!