Os concertos de Joel Padín e Silvia Penide trasládanse ao interior do Auditorio ante a previsión de chuvia

21 Maio 2021

As choivas previstas para a xornada de mañá, sábado 22 de maio, día de Santa Rita, obrigan a trasladar ao interior do Auditorio os dous concertos previstos no programa de festas deseñado pola Concellería de Cultura. O que ofrecerá o xoven vilagarcián Joel Padín ao mediodía e o que pola noite protagonizará Silvia Penide.

As persoas que xa teñan reservado praza a través de woutick.es serán avisadas do cambio a través do correo electrónico. En principio, o Festivaliño mantém o seu emprazamento inicial nos Xardíns de Ravella, coa posibilidade de desprazarse ao interior da Praza da Peixería de empeorar moito o tempo.

O concerto de Joel Padín comezará ás 12.30 e será o primeiro que o mozo vilagarcián ofrecerá para presentar ao público o seu primeiro disco “Aughas Mortas”, traballo no que recolle cancións tradicionais en estado puro, así como adaptacións das mesmas para darlle un aire máis actual e xuvenil.

Joel Padín é unha das novas promesas do folk galego. Os seus inicios na música tradicional remóntanse ao 2011 cando comeza a cantar e a tocar a pandeireta na asociación Mar de Arousa. As súas gañas por avanzar lévano a probar en distintos grupos. En 2018 preséntase ao concurso da TVG “Pequenos fenómenos”, clasificándose en primeiro lugar cantando só temas tradicionais. Actualmente forma parte do plantel da agrupación folclórica “Nós de Sobradelo”, coa que compaxina a súa carreira en solitario.

O concerto da noite será o que protagonice ás 21.00 horas Silvia Penide para presentar o seu oitavo traballo discográfico “Los días de plomo”. Penide acadou en 2020 o seu segundo premio Martín Códax da Música Galega, nesta ocasión na categoría de canción de autor. Para o concerto de mañá actúa acompañada da súa banda composta por Bruno Couceiro (batería), Carla López (teclado e voces) e Paul Álvarez (guitarra), todos eles cunha longa traxectoria musical e con proxectos musicais propios.

Como sa xe dixo, o “festival infantil de cine on de road”, o Festivaliño que patrocina Gadis, mantense inicialmente nos xardíns de Ravella, co plan B da Peixería. En calquera caso, celebrará unha sesión matinal, de 11.30 a 13.30 oras e outra de tarde, de 17.30 a 21 horas. Nela proxectaranse curtametraxes infantís en sesións de 30 minutos de duración. O aforo para casa sesión é de 30 persoas que deberán reservar previamente a través da web festivalino.com. En caso de quedar prazas libres, tamén se poderán reservar no mesmo lugar do festival.

A xornada festiva de mañá sábado, complétase cos pasacalles que pola mañá ofrecerá o grupo folclórico Mocedade da Torre e pola tarde o grupo de gaitas do Centro Cultural e deportivo Santa Plácida, de Rubiáns. Ademais, no Parque da Xunqueira continúa o mercado Celta.

En canto a axenda festiva do domingo, a Concellería de Cultura decidirá mañá, coa previsión meteorolóxica máis próxima, se mantén o V Encontro Folclórico Santa Rita no emprazamento ao aire libre da Praza da II República ou si, finalmente, tamén se traslada ao interior do Auditorio.

De producirse o cambio, informarase a través dos medios de comunicación e das redes sociais.


Está pasando!