‘Molto Barroco’ | Píscore

Os Domingos do Principal volven a Pontevedra con catro novas propostas de artes escénicas

24 Decembro 2025

  • Cativada e público familiar poderán gozar da comedia musical, danza, clown e teatro mudo da man de tres compañías galegas e unha de Catalunya.
  • As entradas e abonos para os pases das 12 e as 18.30 horas dos domingos 11, 18 e 25 de xaneiro e 1 de febreiro están á venda en Ataquilla.com

Presentación dos Domingos do Principal | Concello de Pontevedra

O edil de Cultura Demetrio Gómez presentou acompañado de Xacobe Rodríguez de Teatro Akatro unha nova edición dos Domingos do Principal que botará a andar o domingo 11 de xaneiro.

O edil avanzou a que será a primeira programación de 2026: “empezamos o ano con con esta tempada de inverno dos Domingos do Principal, cunha colección de obras do mellor teatro galego e unha función que vén de máis aló das nosas fronteiras. Un diálogo entre a cultura galega e a que vén de fóra. Non remarquei que era teatro infantil porque é un teatro que pode gozar todo o público de Pontevedra a partir dos 4 anos. As entradas están á venda en Ataquilla.com a 4 euros e abono para as catro funcións a un prezo de 12 euros moi accesíbel.”

Pola súa banda Xacobe quixo agradecer ao Concello a confianza depositada ao longo dos anos e a liberdade na selección das obras que “é un traballo de meses. Traemos espectáculos e formas diferentes de expresarse no escenario para mostrar o que se está a facer nas artes escénicas. É teatro para toda a familia, no só para cativada pero por iso poñemos unha idade mínima para asistir. Son espectáculos que normalmente teñen diferentes lecturas.

Entre a programación, no que atopamos espectáculos de diferente natureza e temáticas como a hiperactividade, a igualdade, as aventuras de 3 irmás camiño á escola, etc. Cabe sinalar o primeiro espectáculo que chegará o 11 de xaneiro, ‘Molto Barroco’ de Píscore, que tivo que ser cancelado na edición anterior”.


‘Molto Barroco’ | Píscore

11/01/2026 – ‘MOLTO BARROCO’ de Píscore (Galiza)

‘Molto Barroco’ é unha reivindicación das composicións musicais barrocas dende o teatro.

Con motivo do baile de petición de man da súa prometida, o rei encarga ao compositor da corte unha peza orixinal. Esta solicitude desencadea unha serie de escenas cómicas entre os tres músicos de cámara, o rei, a súa prometida e, se cadra, futura raíña e o compositor.

Un triángulo amoroso que contará coa complicidade dun bufón con actitude irreverente.

Espectáculo seleccionado para o certame Barroco Infantil do Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro 2024.

Comedia musical

Idade recomendada: a partir de 5 anos

Duración: 70 minutos


18/01/2026 – ‘COA CABEZA NAS NUBES’ de Söa (Galiza)

Nun mesmo espazo conviven dous personaxes, un deles afogado polo traballo tenta sobrevivir baixo unha morea de papeis pero as tarefas vánselle acumulando. A compañeira en vez de botarlle unha man interrómpeo constantemente e só pensa en xogar. E será el quen atopar un tempo para xogaren xuntos?

Entre ambos desátase unha divertida batalla chea de humor e acrobacias onde se confrontan dúas visións da vida.

Danza Clown

Duración: 45 minutos.

Idade recomenda a parir de 6 anos


25/01/2026 – ‘BULEBULE’ de Os Náufragos (Galiza)

Candela é unha rapaza que ten trastorno por déficit de atención con hiperactividade (TDAH) e chámanlle Bulebule. A ela encántalle o mar e soña con ser a patroa dun barco que ela mesma quere construír. Tamén lle gusta moito pasar tempo co seu amigo Bruno que vive nun faro e que sente verdadeira paixón por compoñer música.

Bulebule é unha fermosa obra que explora os camiños da igualdade, destacando o esforzo das mulleres por derrubar as barreiras que lles impiden acceder a determinadas profesións.

Teatro

Duración 45 minutos

Idade recomendada partir de 4 anos


01/02/2026 – ‘CAMINO A LA ESCUELA’ de Campi Qui Pugui (Catalunya)

Tres irmás, un camiño e un obxectivo: ter o futuro nas súas mans.

A extraordinaria historia de tres irmás que se enfrontan diariamente a obstáculos e adversidades para chegar á escola. Tres nenas que viven nun país calquera, que non falan un idioma concreto pero que en realidade falan todos os idiomas.

Un espectáculo suxestivo, visual e sen texto que se inspira na historia real de nenas e nenos de todo o mundo. Persoíñas autónomas e capaces que comparten as ganas de aprender e cambiar o seu mundo.

Nominado aos Premios Max 2021

Premios da Crítica de Cataluña de 2020 ao Mellor Espectáculo Familiar

Premio FETEN Mellor Posta en Escena 2021

Teatro sen texto

Duración 55 minutos

Idade recomendada partir de 5 anos

Está pasando!