Presentación da programación cultural outono 2022 | © Concello de Redondela

Os eventos culturais de Redondela continúan en outono cunha programación extensa que aposta polas parroquias

14 Outubro 2022

O Concello de Redondela presenta a nova programación cultural de outono que durará de outubro a xaneiro de 2023 e pretende chegar as parroquias da vila con eventos para persoas de todas as idades.

A Concellería de Cultura que xestiona Iria Vilaboa vén de presentar a programación cultural dos vindeiros catro meses –outubro/xaneiro–, unha programación variada e para todos os públicos e que prestará especial atención ás actividades dirixidas aos máis pequenos e pequenas de todas as parroquias.

Despois de dous anos de restricción pola pandemia, o Concello de Redondela busca recuperar e potenciar os eventos, “motivo polo cal extendemos aínda máis a programación, pero sempre apostando polo mellor. Este ano traemos por primeira vez ao humorista Moncho Borrajo coa V edición de “Humor na súa tinta”, apunta a alcaldesa de Redondela Digna Rivas.

NOVIDADES

Os eventos desta tempada destacan por levar a cultura as parroquias e por manter a continuidade con proxectos transversais en colaboración coas bibilotecas, as casas culturais, os centros recreativos e as asociacións da Vila, “algo que se estaba facendo en verán como iniciativa do actual goberno socialista e que pretende ter continuidade durante todo o ano”, explicaba a alcaldesa de Redondela.

Como primicia destacar o Primeiro ciclo Infantil Interparroquial que comeza o 17 de decembro no Centro Cultural de Cabeiro e remata o 4 de xaneiro no Centro Cultural de Reboreda. “Este ano a temática está adicada ao galego, o título da edición “Queremos Galego” e os espectáculos programados pretenden fomentar o uso da nosa lingua entre os máis pequenos e pequenas ”, explica Rivas. Entre outros artistas atopamos a Paco Nogueirascon ‘Brinca Vai!’ ou a Fantoches BAj con ‘O tranvía Leonardo’.

Resaltar a programación cinematográfica do Mestre Mateo en colaboración coa Deputación de Pontevedra que comezou en marzo e que “conseguimos que se manteña os vindeiros meses con proxeccións do mellor cine galego”, apunta Digna Rivas

O Magosto extendese máis alá do centro urbano chegando tamén as parroquias: “En chapela celebrase o 29 de outubro, o 5 e novembro a festa será na Alameda de Castelao e finalmente o 26 de Novembro en Quintela. Esta é unha festa tradicional moi importante en Galicia e queremos que a disfrute a maior xente posible”, explica Rivas.

TEATRO

O teatro, tanto para adultos como infantil, terá un espazo destacado na programación, así como os Conta Contos en colaboración coa a Rede de Bibliotecas da Vila. “É preciso que dende a infancia as nenas e nenas poidan comezar a aprecialo. Con ese obxectivo, a programación cultural presentada aposta forte polo V Ciclo de Teatro Infantil”, explica Iria Vilaboa. Unha tarde de domingo de cada mes, as mellores compañías galegas daranse cita en Redondela para ofrecer unha actuación de altísima calidade “buscando promover entre a costume do teatro e o amor polo teatro como contrapunto aos entretementos dixitais tan utilizados”.

Este ano volve Tanxarina, un clásico redondelán, para o que Digna Rivas tivo especiais palabras, xa que “leva case que 40 anos de éxito nos escenarios de Galicia e España e que, indubidablemente, é un orgullo para Redondela. Por iso énchenos de satisfacción que aquí, ‘na casa’ vaian a volver coa producción ‘ A cazola de Lola’ .

APOSTA POLA IGUALDADE

O Goberno local e a alcaldesa Digna Rivas recalcaron que Redondela aposta por mulleres artistas e a igualdade en todos os seus ámbitos. Este ano o ciclo de monólogos destaca por ter unha representación feminina moi forte, “xa que nesta disciplina e no mundo do humor os homes soen ser os que predominan nos carteis culturais de toda España”. O MONÓLOGO DE ARANTXA TREUS: SEXO DÉBIL “O CARALLO” ou “RIQUIÑA” de JAZMÍN ABUÍN son dous exemplos das moitas apostas do Goberno socialista redondelá pola igualdade.

O humor tamén terá un oco especial na V edición de Humor na Súa Tinta e contará con Moncho Borrajo (2 de Outubro), José Corbacho(6 de Novembro) e Jaime Caravaca(15 de Xaneiro).

MÚSICA

A programación Cultural vístese de música, moita e boa cunha aposta clara polos grupos e artistas locais. “Redondela ten talento en moitísimas facetas da cultura –asegura rotunda a concelleira de Cultura– e a nosa obriga como administración máis próxima, e darlles apoio e os medios necesarios para que poidan facer chegar ese talento e creatividade ao público”. Destacar o concerto de “Fla-Meco” o 10 de Decembro no Multiúsos da Xunqueira e o musical “A Fraga do Meu Avó” de Mamá Cabra o 23 de Decembro.

BATALLA DE RANDE

Finalmente, no programa, ten un especial relevo a IX Batalla de Rande, “a conmemoración dun feito histórico do que foi testemuña a nosa enseada e que se celebrará os días 15, 22 e 23 de outubro organizado pola Asociación Deportiva e Cultural de Rande co apoio do Concello”, conclúe Digna Rivas.


Está pasando!