Os irmáns Dardenne, a directora escocesa Charlotte Wells e Albert Serra, protagonistas da programación do Cineclube Pontevedra durante o mes de febreiro

2 Febreiro 2023

O Cineclube Pontevedra presenta a súa programación para este mes cos irmáns Jean-Pierre e Luc Dardenne, a directora escocesa Charlotte Wells e Albert Serra como protagonistas das proxeccións que terán lugar os martes 7, 14 e 28 de febreiro ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.


MARTES 7  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

‘TORI E LOKITA’

  • Jean-Pierre e Luc Dardenne, 2022, Bélxica, 89 min., VOSE
  • Lingua orixinal: francés

Tori e Lokita viven nun centro de acollida en Bélxica. Son amigos, aínda que tratan de pasar por irmáns ante a Administración. Xuntos apáñanse para poder enviar cartos á casa, para pagarlle á mafia que trouxo a Lokita desde África e para conseguir os papeis que regularicen a súa situación en Bélxica. Aférranse á súa amizade para resistiren as condicións de precariedade e dureza extrema ás que son condenados por non teren papeis.

– Festival de Cine de Cannes 2022: Premio 75º Aniversario

– Festival de Sevilla 2022: Premio do Público


MARTES 14 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

‘AFTERSUN’

  • Charlotte Wells, 2022, Reino Unido, 98 min., VOSE
  • Lingua orixinal: inglés

Nun decadente complexo vacacional, a finais dos 90, Sophie, de 11 anos, atesoura o escaso tempo que pasa xunta o seu pai, Calum. A medida que a adolescencia de Sophie aflora, o desexo de Calum por unha vida á marxe da paternidade medra. Vinte anos despois, os tenros recordos que garda Sophie daquelas vacacións co seu pai convértense nun poderoso e desgarrador retrato da súa relación, mentres trata de reconciliar o pai que coñeceu co home que non coñecía.

– Semana da Crítica en Cannes 2022: Sección Oficial e Premio French Touch

– Festival de Sevilla 2022: Mellor Filme (Sección Las Nuevas Olas)

– Círculo de Críticos de Nova York 2022 (Mellor Ópera Prima)

– British Independent Film Awards 2022 (sete galardóns, incluíndo Mellor Filme)


MARTES 28 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

‘PACIFICTION’

  • Albert Serra, 2022, Francia, 165 min., VOSE
  • Lingua orixinal: francés

Na illa de Tahití, na Polinesia Francesa, o Alto Comisario da República, De Roller, representante do Estado francés, é un home calculador de maneiras impecables. Tanto nas recepcións oficiais como nos establecementos ilegais, non deixa de tomarlle o pulso a unha poboación local cuxa ira pode espertar en calquera momento. E máis aínda cando un rumor se instala: parece avistarse un submarino, cuxa presenza fantasmal podería anunciar que se retomaron os ensaios nucleares franceses.

– Festival de Cannes 2022: Sección Oficial

– Premio Louis-Delluc 2022 ao Mellor Filme francés do ano

– Prix Lumières da prensa internacional: Mellor Dirección, Mellor Actor (Benoît Magimel), Mellor Dirección de Fotografia (Artur Tort)

– Premios Gaudí 2022: Mellor Filme en Lingua Non Catalá, Mellor Dirección De Fotografía, Mellor Dirección Artística


Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades. Asóciate!

Está pasando!